Home Programas Espazo Aberto Nace a ANG, unha asemblea “galeguista, transversal e apartidaria”

Nace a ANG, unha asemblea “galeguista, transversal e apartidaria”

0
Nace a ANG, unha asemblea “galeguista, transversal e apartidaria”

A Assembleia Nacional Galega bota a andar en Compostela “bebendo do espírito das Irmandades da Fala”. Este novo espazo do galeguismo defínese como unha asociación cultural e cívica, xurdida do “cansancio” e a “desesperación” ante o panorama político de Galicia nos últimos anos. Con todo, a coordinadora provisional da ANG pretende fuxir do eido partidario e asegura que o seu financiamento dependerá unicamente das achegas das socias e socios e de doazóns particulares, pero nunca de subvencións públicas ou privadas.

Traballo de base

As impulsoras da ANG na presentación realizada na Libraría Couceiro

O obxectivo deste espazo transversal é “traballar dende a base” e mobilizar ao galeguismo a través de iniciativas como a expedición dun carnet nacional de identidade ou a celebración de votacións simbólicas en defensa do dereito á autodeterminación. A Assembleia basea o seu ideario no asemblearismo, a participación democrática e a defensa da lingua e a cultura galegas, facendo especial fincapé “na normativa internacional galaicófona”.

O vindeiro sábado 27, a partires das 17.30 horas, a ANG presentarase oficialmente en sociedade no CSC de Vite. Neste evento, no que participarán o ensaísta César Morán e a poetisa Iolanda Aldrei, a Assembleia amosará a súa proposta e tentará captar un maior número de socias.