Logo de varias xuntanzas iniciais no mes de decembro botou a nadar esta pasada fin de semana a Vía Galega, Plataforma social para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza. Conta con máis de 40 organizacións sociais que buscan o recoñecemento de Galiza como nación e o respecto ao dereito de autodeterminación. Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras, explica como xurdiu a iniciativa e os seus obxectivos.
A “Vía Galega” ten previsto xa varias presentacións para espallar a iniciativa e non agocha que se poden dar certas semellanzas coa Asemblea Nacional Catalá pola proximidade do debate plurinacional que hoxe vive o Estado español.
Na xuntanza desta fin de semana quedou constituído Plenario e a Coordinadora Nacional. Esta última fica integrada por representantes das fundacións que promoveron esta iniciativa e unha persoa por cada un dos ámbitos presentes: a CIG polo movemento obreiro; FRUGA e a Organización Galega de Montes Veciñais en Mancomún polo eido rural; Erguer polo estudantil; Galiza Cultura polo cultural; e Mar de Lumes no campo da solidariedade internacionalista.