Home Programas Espazo Aberto Marcos Calveiro é o gañador da XXIX edición do Premio de Novela Manuel García Barros

Marcos Calveiro é o gañador da XXIX edición do Premio de Novela Manuel García Barros

0
Marcos Calveiro é o gañador da XXIX edición do Premio de Novela Manuel García Barros

O xurado do Premio de Novela Manuel García Barros fallou a favor de Marcos Calveiro como gañador nesta XXIX edición, dotada cun galardón de 9.000 €.

A obra gañadora, entre os 21 orixinais presentados, “O Xardineiro dos ingleses” será publicada pola Editorial Galaxia, previsiblemente para o mes de novembro, e presentada no certame de entrega do galardón ao escritor a finais do mesmo mes.

O xurado estivo integrado por Inma Otero Varela, Carlos González de Lema Malvar, Armando Requeixo Cuba, Mario Iván Regueira Fernández e Carlos Loureiro Rodríguez. Este último actuou como secretario.

Tal e como relatou Armando Requeixo a novela relata os principais acontecementos da historia europea do século XX, e particularmente da Guerra Civil que condiciona o devir de Galicia, concretado neste caso na presenza e legado da comunidade inglesa e alemá en Vilagarcía de Arousa.

Biografía e obras de Marcos Calveiro

Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968), neto de feirantes taberneiros é licenciado en dereito. Deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari soñador de mares (2006) e Rinocerontes e quimeras (2007). En 2007 recibiu o XVIIIº Premio Ala Delta de Literatura Infantil por O carteiro de Bagdad, novela editada en galego e castelán, que logo recibiría o Premio White Ravens en 2008. Despois, mereceu o Premio Barco de Vapor de Literatura Infantil 2008 por O canto dos peixes (2008), o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009 e Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil, 2010 pola novela O pintor do sombreiro de malvas (Xerais 2010) e o Premio Merlín de Literatura Infantil 2012 por Palabras de auga (Xerais 2012). Na colección Sopa de Libros publicou Unha casiña branca (Xerais, 2015). En 2011 publicou Lois Pereiro. Náufrago do paraíso (Xerais 2011) e Centauros do norte (2011) polo que obtivo o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil 2010. Tamén é autor da tetraloxía El samurai del rey (2010-2011).No 2015 gañou o IX Premio Narrativa Breve Repsol coa obra Fontán.

A meirande parte da súa obra está traducida ao castelán e catalán. En Xerais Narrativa leva publicadas dúas novelas: Festina lente (2008) Premio da Crítica 2008 (narrativa), Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Narrativa adultos, Autor do ano 2008 e Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano 2009 e Setteccento (2010). Na colección Fóra de xogo tamén ten publicadas as novelas Todos somos (Xerais 2013) e As palabras poden matar (Xerais 2015).