Home Programas Área Compostela Lingua, ensino e Semente

Lingua, ensino e Semente

0
Lingua, ensino e Semente

Hai linguas peores ca outras? Pode unha lingua ser mala? As Xornadas Malas Linguas que organiza a Deputación da Coruña amosan o contrario, e tentan tanto facer un análise da situación actual como propor novos camiños para o futuro, desta quenda en Compostela.

Nesta terceira edición o foco recae na transmisión non familiar do galego, sobre todo na infancia e na mocidade. Para iso Séchu Sende, profesor e activista, foi o encargado de presentar a xornada, xa que as Escolas Semente (proxecto do cal foi partícipe dende os inicios) cumpren coa funcion dinamizadora da que non se preocupan a maioría das administracións. “Hai moitos nenos e nenas castelán falantes” explica, “que como consecuencia da legalidade actual son incompetentes en lingua galega“.

“Non é algo novo” comenta Sende sobre a constante represión de todas as linguas que non o español, senón que se trata da “sucesión dunhas decisións que parecen franquistas herdeiras dese nacionalismo lingüístico español tradicional”. Hoxe seguimos sendo testigos dunha discriminación obvia que a administración non só ignora, senón que incluso promove, pero por sorte “cada vez os galegos e as galegas somos máis conscientes”, engade.

As Xornadas Malas Linguas están pensadas para traballadores do eido da normalización, e ata agora xa se trataron os temas das políticas públicas e da memoria e da transmisión familiar da lingua, mentres que a vindeira edición o 12 de abril, o tema será “Lingua e xénero”. Toda a información dispoñible aquí.