A pasada semana, o estoupido dunha nave con material pirotécnico en Tui deixou dúas mortes e 37 persoas feridas. Asemade, máis de 200 veciños e veciñas tiveron que abandonar os seus fogares, sen saber cando poderán voltar.
O PSdeG pide agora transformar este “desastre” nunha “oportunidade” para que, grazas á actuación das institucións, a cidadanía tudense poida levar unha “vida normal” de novo. Pola súa banda, dende o PP manteñen que a Xunta é a “única institución” que abriu “liñas de axuda” para as e os afectados.
Investigación aberta
A investigación deste tráxico suceso segue o seu curso. Este luns volvía ser detido o propietario da pirotecnia La Gallega polo seu presunto vencello con tres almacéns ilegais de explosivos achados nas últimas datas. O investigado está a ser acusado de “homicidio imprudente”.