Xa hai data e programa de actividades para as Festas da Ascensión deste ano. Entre o mércores 9 e o domingo 13 de maio, Compostela vibrará ao son de diferentes estilos musicais, tanto na praza da Quintana como na Alameda, onde, como vén sendo habitual, actuarán numerosas orquestras. O Concello fai este ano unha “forte aposta” pola “música tradicional galega”.
Iván Ferreiro e Delaporte actuarán o mércores 9 na Quintana
Dentro da longa listaxe de artistas que participarán nos concertos, cómpre salientar o espectáculo que ofrecerán Delaporte e Iván Ferreiro o mércores ás 21.30 horas na Quintana. Ao día seguinte, as bandas portuguesas Orquestrada e Caxade actuarán no mesmo escenario ás 22.00 horas.
Cómpre salientar o cartaz deseñado para promocionar esta nova edición da festividade, obra da ilustradora Iria Ribadomar. A imaxe, debuxada en base ao movemento modernista, reflicte a unha traballadora colocando as luces no paseo da Alameda, a xeito de homenaxe ás persoas que “non poden gozar da festa” porque deben encargarse do seu desenvolvemento.