“Non podemos esconder o noso malestar. Non evidenciamos ningún avance por parte do Estado na Coruña dende a investidura de Pedro Sánchez.” A amortización da débeda da Autoridade Portuaria ou a comisión de seguimento dos convenios de 2004 sobre o bordo litoral que o delegado do goberno anunciou hai tres meses, son algunhas das cuestións que fixeron que o alcalde coruñés remitira este pasado mércores dúas cartas ao presidente do goberno central, Pedro Sánchez, e ao ministro de Fomento, José Luis Ábalos, nas que amosa a súa decepción pola falta de respostas ás demandas da veciñanza da Coruña.
Asemade, indica que non existen avances sobre a renovación de Alfonso Molina, nin sobre o dragado da ría do Burgo nin sobre o futuro de Alcoa. Nin tampouco sobre a conexión ferroviaria a Punta Langosteira, nin ao tren de Ferrol.
Con todo, Xulio Ferreiro insta ao executivo estatal “a actuar para non defraudar as expectativas na cidade” e informa de que o grupo de goberno levará ao próximo pleno unha moción exhortando ao goberno do Estado a dar resposta “aos acordos maioritarios e unánimes acadados pola Corporación da Coruña, así como da Deputación provincial, o Parlamento de Galicia e o Congreso dos deputados” e confía en que a oposición, no seu conxunto, poña por diante os intereses da cidade da Coruña.