Noriega sobre a posibilidade de perder os fondos europeos para a depuradora: “Isto é unha nova estratexia de intoxicación”

"Escoito as declaracións de Agustín Hernández mentres vexo as súas imaxes tirando merda ao río" resaltou hoxe un Noriega que confía no mantemento dos fondos europeos

A empresa estatal Acuaes (Aguas y Cuencas de España) remitiu a Augas de Galicia segundo informaron hoxe diversos medios de comunicación da cidade, un cronograma segundo o cal a futura depuradora non estaría rematada ata o 2027, o que implicaría a perda do fondos europeos. Ante esta nova, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, declarou que o devandito documento non coincide co cronograma e coas previsións que mantén o propio goberno local.

Deste xeito, Noriega reiterou por segunda vez nesta semana, o compromiso do Goberno Central cos prazos e procedementos para a futura estación depuradora e, por iso mesmo, quixo desbotar a visión “apocalíptica” que se reflexa hoxe nas principais cabeceiras informativas da cidade. Polo tanto, o Concello aínda confía en que o goberno central poida optar aos fondos europeos para o financiamento da nova estación depuradora.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Noriega quixo, iso si, evidenciar que hai “retitencias” por parte da sociedade estatal Acuaes aos procedementos propostos esta semana por parte do Goberno local pero resaltou que o compromiso do Goberno central é “firme” e que, en todo caso, “onde manda patrón, non manda mariñeiro”

O bloque local fala de “tempo perdido”

Por outra banda, o BNG local vén de solicitar unha xunta de portavoces urxente para “obter información da situación do proxecto da estación depuradora” ante a posibilidade de perder os fondos europeos esgrimida pola Xunta. O Bloque atribúe o risco de dispor dos fondos europeos á “demora de Compostela Aberta” en realizar os procedementos durante esta lexislatura e “tardar dous anos  en cambiar o emprazamento da depuradora á Silvouta, como sempre defendeu o BNG”.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -