Home Programas Área Compostela Eleccións portuguesas: O Partido Socialista gaña, a gerigonça aguanta e a extrema dereita entra

Eleccións portuguesas: O Partido Socialista gaña, a gerigonça aguanta e a extrema dereita entra

0
Eleccións portuguesas: O Partido Socialista gaña, a gerigonça aguanta e a extrema dereita entra

O Partido Socialista gañou as eleccións lexislativas en Portugal e António Costa seguirá sendo primeiro ministro. Salvo sorpresa, iniciarase un proceso de negociacións co Bloco e co CDU para repetir a fórmula de 2015.

As enquisas dábanlle ao PS de Costa ao redor dun 39%, que quedou cun 36,35% pero cun resultado positivo que lle dá máis escanos na cámara de representantes e tamén máis poder nun futurible goberno. Os outros partidos da gerigonça, o Bloco de Esquerda e o CDU (coalición entre o Partido Comunista de Portugal e Os Verdes) baixaron lixeiramente a súa porcentaxe de votos, mais quedarán con 19 e 12 deputados, respectivamente. Cómpre destacar a subida do PAN (Pessoas-Animais-Natureza), que pasa de 1 a 4 deputados na cámara.

Catarina Martns (Bloco) e Jerónimo de Sousa (CDU), xa amosaron na noite electoral a súa disposición por negociar co PS e repetir fórmula de goberno. Pola súa banda, António Costa dixo ter vontade de continuar coa “actual solución política” con un PS “máis forte”.

Caída da dereita

O PSD, partido socialdemócrata de centro-dereita, quedou a un 8% de votos do Partido Socialista. O seu líder, Rui Rio, abriu a porta a unha coalición de goberno co PS, mais semella unha opción improbable logo dos bos resultados dos partidos da gerigonça. Con todo, o peor resultado é o do CDS-PP (partido democristiano) que quedou cun ridículo 4% de votos e cuxa líder, Asunçao Cristas, dimitiu onte.

Como punto rechamante e perigoso cómpre sinalar a entrada da extrema dereita na cámara. O partido CHEGA!, cun discurso e estilo similar ao de Vox no estado español, conseguiu 1 deputado.

Podes ver os resultados completos aquí