Home Programas Espazo Aberto Denuncian a falta de protocolos sanitarios que protexan ás pacientes do COVID-19 nos hospitais

Denuncian a falta de protocolos sanitarios que protexan ás pacientes do COVID-19 nos hospitais

0
Denuncian a falta de protocolos sanitarios que protexan ás pacientes do COVID-19 nos hospitais

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia que os medios de prevención contra a pandemi do COVID-19 para pacientes e persoal sanitario son “claramente insuficientes”. “O confinamento por sí só non vai conter a pandemia. Sen actuar sobre as persoas de risco, estaremos sempre indo a remolque dos acontecementos e chegaremos a unha situación onde o grupo vulnerable máis importante, o persoal sanitario, acabe sendo o máis afectado, co consecuente colapso do sistema público de saúde”, denuncia o colectivo. A asociación pide realizar de forma ordenada os test de contaxio a toda a poboación de maior risco. Con isto, nunha nota de prensa, adxuntan unha testemuña que se corresponde cunha familiar dunha paciente de 72 anos ingresada na planta de pneumoloxía.

“Miña nai, de 72 anos (paciente de risco con diversas patoloxías, entre as que están unha grave enfermidade pulmonar en estado avanzado, insuficiencia renal, diabetes tipo 1 etc.) presentou febre alta (39 graos) a noite do domingo. Pola mañá e por recomendación do hospital de día, da que é paciente, levámola por urxencias, onde estaría unha doutora esperando por ela. Foi acompañada de miña irmá, á cal mandaron marchar (cousa que nos deu moita pena, xa que miña nai é xorda dun oído e está en tratamento psiquiátrico por unha forte depresión), pero que entendemos perfectamente dada a situación. Dixéronnos que nos chamarían para informarnos do que fose.

Chamáronnos sobre as doce da noite para dicirnos que estaba ingresada na planta de pneumoloxía e que podía estar acompañada por unha persoa. Isto xa nos pareceu unha medida moi irresponsable. Non nos malinterpretedes: como é lóxico, con todas as patoloxías que presenta miña nai, está hospitalizada mes sí mes non e estamos máis que acostumados a facer vida no hospital, pero cremos que nun estado de alarma onde todo o país está confinado nas súas casas para evitar os contaxios e a saturación nos hospitais, este non é un procedemento moi ortodoxo, sobre todo no que respecta a enfermos con patoloxías pulmonares graves. Por suposto, nós que somos cinco irmáns (catro dos cales levamos varios días sen visitar a nosa nai para evitar posibles contaxios, xa que vive nunha aldea con miña irmá maior, está coidada por ela e temos traballos con moito risco de contaxio), decidimos, por seguridade, que nosa nai estivese coidada polo persoal sanitario e non expoñela. Pero isto tampouco é a razón da queixa.

A NEGLIXENCIA con maiúsculas é o escenario que atopou miña irmá esta mañá cando lle foi levar uns artigos de aseo e é o que nos trae aquí:  Entrou no hospital sen ningún tipo de control. Tanto na entrada como no ascensor para acceder á planta, atopou persoas protexidas con mascarilla e guantes, si, pero moitas outras NON. Chegou á planta de pneumoloxía e, unha vez máis, accedeu coma se estivésemos nun mes de marzo normal, xente indo e vindo, moitos deles sen NINGÚN TIPO DE PROTECCIÓN. Chegou ao cuarto onde estaba miña nai. O acompañante da paciente do lado SEN PROTECCIÓN e recibindo visitas. A conversa co persoal médico, tampouco foi moi alentadora: Non se lle fixo a proba do coronavirus, incluso despois de recalcarlle que convive cun neto que viaxou a Oporto estes días. Non nos deron explicacións convincentes sobre este motivo… pretextos e dúbidas. E cando miña irmá lles recriminou as auxiliares (sempre desde a amabilidade) que non entendía porque había persoas pululando por toda a planta de pneumoloxía dun hospital sen ningún tipo de protección, (as enfermeiras si que van protexidas) cando o resto do país está sometido (e con razón) a medidas estritas de seguridade e hixiene para protexer sobre todo os máis vulnerables e frear esta pandemia. A contestación foi:  ISO VAI NO CRITERIO DE CADA UN. AÍ HAI GUANTES E LÍQUIDO DESINFECTANTE. O QUE QUEIRA LAVAR AS MANS, QUE O FAGA E O QUE NON, NON. Se este proceder no que están poñendo en perigo A VIDA de miña nai e o resto de pacientes desa planta non é denunciable, que baixe Deus e o vexa.”