Home Víchelo? Consello da Cultura Galega | Alfonso X e Galicia

Consello da Cultura Galega | Alfonso X e Galicia

0
Consello da Cultura Galega | Alfonso X e Galicia

O Consello da Cultura Galega publica na súa páxina web os vídeos que compoñen a exposición ‘Alfonso X e Galicia’. A mostra presenta o Rei Sabio como un monarca que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos e contradicións, que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo.

O relato constrúe a un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, que ensalza a figura de Santa María en conflito co cabido compostelá. Ademais, emprega a lingua castelá na chancelaría e o galego na invocación a Deus e á Virxe coa intención de relegar o latín dos clérigos nunha estratexia político-cultural.

A exposición tamén afonda na visión de universalidade do Rei Sabio no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de/a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica. A isto engádese a conexión política do proxecto real con todos os campos da cultura, é dicir, a «utilización» do proxecto cultural con obxectivos políticos, combinando diversos sistemas ideolóxicos para un mesmo fin: a consolidación e xustificación dun proxecto político centrado na persoa do monarca.

A exposición está aberta ao público na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela ata o 24 de abril, e a partir de aí inicia un período de itinerancia. A primeira das súas paradas será Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Un dos obxectivos da exposición está intrinsecamente vencellado ao labor fundacional do Consello da Cultura Galega de dar a coñecer o noso patrimonio. Por iso, ao remate da mostra promóvese a visita a outros lugares da xeografía galega que gardan legado medieval relacionado con Afonso X e as súa época en forma de edificacións, documentos, códices, pezas, esculturas, moedas, xoias ou calquera outro formato. Cada visitante recibirá na exposición un mapa que convida a realizar o roteiro xeográfico, artístico, patrimonial e cultural polo legado afonsino.

Esta exposición supón un salto adiante dun longo proxecto do Consello da Cultura Galega en prol da investigación sobre a Idade Media, máis concretamente sobre as Cantigas de Santa Maria. A Cantigas constitúen unha das obras máis importantes saídas do obradoiro literario de Afonso X e un dos monumentos artísticos máis valiosos e representativos da cultura europea medieval. Esta obra chegou a nós mediante catro manuscritos coetáneos, que representan tres “edicións” sucesivas, cada cal máis ampla, da vasta colección afonsina. En 2003 o Consello da Cultura Galega realizou unha edición do Códice de Toledo, o menos coñecido dos catro manuscritos. Sete anos despois, volveu sobre a obra cunha transcrición, estudo preliminar e notas da especialista Martha E. Schaffer.

Ademais, da man de Antoni Rossell, o CCG editou en 2006 unha versión vocal das Cantigas de Santa Maria nun CD con múltiples colaboracións, que foi o resultado dun intenso traballo de cinco anos que xuntou a investigadores de diferentes universidades europeas, actores, músicos e intérpretes. Foi un proxecto de reconstrución musical, arqueolóxica e lingüística que achegou unha interpretación das Cantigas diferente.