A campaña de animación á lectura cumpre nesta edición dezaoito anos procurando achegar o mundo dos libros ás cativas e cativos. Nesta ocasión o eixo da campaña é “A horta de Simón”, título gañador da X edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados.
Hoxe mesmo, o concelleiro de eduacación, Manuel Dios, salientou a grande traxectoria desta campaña a prol da difusión da literartura infantil en galego.
A cargo da organización desde os seus inicios está Kalandraka. Manuela Rodríguez, directora do departamento de Edición e coordinadora de animación á lectura, explicou o exitoso formato baseado na transformación por uns días da emblemática Galería Sargadelos de Compostela.
Dentro deta campaña están previstas numerosas actividades como sesións de contacontos con visitas guiadas á exposición instalada na Galería Sargadelos, dirixidas a nenos e nenas de infantil e de primeiro e segundo de primaria, e previstas do 4 ao 23 de abril. Ademais, realizaranse obradoiros de escrita creativa, buscando igualmente achegar a cativanza ao proceso de creación. Os nenos e nenas de 0 a 3 anos tamén se poden familiarizar coa lectura grazas á sesión de contos para bebés “Do berce á lúa”, que terá lugar o vindeiro sábado 21 de abril ás 11:30 e 12:30 horas.
Libros para soñar: Kalandraka cumpre 20 anos
Así é todo, isto dos aniversarios non fica aquí. A propia editora, Kalandraka, celebrou no día de onte 20 anos sendo a editora galega con maior proxección internacional, posicionándose no ranking das cen primeiras empresas do sector editorial a nivel estatal (posto 82)e sendo a primeira galega en volume de facturación, segundo os medios especializados.