Compostela Aberta camiña cara as eleccións municipais presentando propostas para que a cidade mellore. Un dos retos é a reindustrialización de Santiago, proposta que xa se intentou pero na que “non se obtiveron os resultados esperados debido á actuación da Xunta”, di Martiño Noriega.
Unha das principais medidas a poñer en marcha para a reindustrialización é facer un plan de incentivos que fomente o crecemento de sectores a través de eventos e actividades. Noriega explica que aínda que Santiago é unha “cidade de servizos, queremos fortalecer tamén o sector da industria porque temos talento e coñecemento”.
Por outra parte, Compostela Aberta tamén ten a vontade de protexer o comercio local, en particular o do casco histórico. Marta Lois, concelleira de Igualdade e Desenvolvemento económico, explica que “hai que ordenar e limitar o pequeno comercio para que non só exista comercio turístico senón tamén o comercio do día a día dos veciños”.