
O mitin principal da candidatura socialista de Xosé Sánchez Bugallo á alcaldía de Santiago tivo lugar no Hotel San Francisco e nel reuníronse numerosas caras coñecidas. Entre os asistentes o ex-presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño ou o ata agora voceiro socialista en Raxoi, Paco Reyes.
Arroupando ao candidato estiveron o secretario de Organización do PSOE e ministro de Fomento, José Luís Ábalos, e o lider dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero. Este último quentou motores de cara ás vindeiras eleccións á Xunta de Galicia e non deixou escapar a ocasión de enviarlle unha mensaxe ao actual presidente, Alberto Núñez Feijóo
Polo seu lado José Luís Ábalos alabou o traballo do candidato socialista á alcaldía de Santiago e cargou contra a dereita aproveitando os malos resultados que esta sacou nas anteriores Eleccións Xerais. “Non teñen nada que dicir a España, só falando de Cataluña, sempre falando da independencia, e en España ese é un gran problema pero tamén ten outros moitos problemas”, asegurou.
Na súa intervención Sánchez Bugallo analizou de xeito critico a xestión do goberno actual de Compostela Aberta e fixo un chamamento a buscar o voto e non fiarse das enquisas.