Home Programas Espazo Aberto Comeza a viaxe de “Galaicos. Un pobo entre dous mundos”

Comeza a viaxe de “Galaicos. Un pobo entre dous mundos”

0
Comeza a viaxe de “Galaicos. Un pobo entre dous mundos”

A visibilización do noso pasado a través de proxectos expositivos é unha das tarefas máis importantes que temos pendentes en Galicia. Contamos o pasado a través dos manuais de escola ou das excavacións arqueolóxicas que cada verán descubren novos tesouros da nosa historia. Aínda así faltan proxectos de envergadura que espallen eses obxectos e aínda que o material humano é abundante non acontece o mesmo, nos últimos tempos, co material económico.

Por este motivo é de agradecer que unha institución como a Deputación de Pontevedra decida embarcarse en aventuras expositivas como a de “Galaicos. Un pobo entre dous mundos”, tocando un período da nosa historia tan sensible e tan importante que mesmo deu nome ao noso país.

“Galaicos. Un pobo entre dous mundos” está concibida como exposición itinerante que se verá por vez primeira en Madrid o 31 de outubro para logo viaxar ata Valencia, o Mediterráneo, o próximo ano, para regresar novamente ao Atlántico, ao Museo Provincial de Pontevedra,

Exposición colaborativa

Para realizar unha exposición deste tipo hai que contar cunha grande colaboración institucional. Neste caso en Galaicos participaron un total de 10 entidades prestatarias, desde o Museo de Pontevedra, pasando polo Museo Arqueolóxico de Santa Trega, ata o Museo Provincial de Lugo ou o Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón e o Museo Arqueológico de Asturias.

Para tan magno proxecto escolléronse máis de 60 obxectos arqueolóxicos, ilustracións e fotografías que ademais poderán levarse a casa a través dunha publicación coeditada pola Editora Alvarellos e a Deputación de Pontevedra da guía “Galaicos. Un pobo entre dous mundos” ou achegarse a ella desde a pantalla por unha web.

Castro de Landín – Cuntis

As nosas orixes

A exposición “Galaicos. Un pobo entre dous mundos” xurde dunha tese que explica o carácter aberto dos pobos que habitaron o noso territorio. Á inversa do que adoitamos escoitar, non era unha zona “afastada” do resto da civilización occidental. Era, pola contra, un territorio fulcral do desenvolvemento económico a través dos roteiros marítimos que comunicaban o Mediterráneo cos territorios insulares do Atlántico.

Esta posición estratéxica deu como consecuencia unha civilización moi rica que xa documentou a historiagrafía antiga e que hoxe os estudos contemporáneos dan acoñecer polos numerosos xacementos que explican o comercio de zonas como as Rías Baixas coa propia Roma.

Imaxe e periodización

Segundo os propios organizadores a exposición “Galaicos. Un pobo entre dous mundos” plantexase como unha viaxe na que as novas tecnoloxías audiovisuais cobran especial protagonismo.

As imaxes acompañarán ao visitante por todo o percorrido con sete proxeccións asociadas a sete obxectos procedentes do mundo atlántico e mediterráneo que aparecen en xacementos galaicos: Depósito de Samieira (Poio), Espada Sa Idda de Catoira, Askós de Alobre (Vilagarcía de Arousa), Caldeiro de Monte do Castro (Ribadumia), Ánfora de Bueu, Fíbula zoomorfa de Monte do Castro (Ribadumia) e Ungüentario oriental (Vigo).

A exposición conta con cinco ámbitos cronolóxicos que marcan periodos concretos desde a Idade do Bronce Final (1.500-800 a.n.e.) ata a provincia de Gallaecia (finais do século IV-século VI). Neles poderemos ver as pezas máis importantes do noso patrimonio como o Casco/cunca de Leiro, a Diadema de Elviña ou a Tessera hospitalis de O Caurel.