
A Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 mobilízase, un ano máis, na praza do Obradoiro, logo dunha manifestación que partiu da Estación de Tren de Santiago de Compostela e tivo unha primeira parada fronte ao Parlamento galego. Na marcha participaron varios centos de persoas.
As vítimas acusan ao Goberno de “obstaculizar” a investigación
As e os familiares e amigos das persoas falecidas no accidente de 2013 esixen “dignidade, memoria e xustiza” e confían en que a Comisión de Investigación aberta no Congreso dos Deputados verta algo de luz sobre unha cuestión que aínda non está esclarecida. Dende a Plataforma lamentan os “intereses ocultos” por desvelar as entrañas deste caso.
As @victimastrende esixen que se coñeza a verdade “caia quen caia”. 5 anos despois continúan reclamando "dignidade, memoria e xustiza" pic.twitter.com/tv3v6FEVbq
— Nós Televisión (@NosTelevision) July 24, 2018
Durante estes anos, a colaboración non caracterizou a actuación de Moncloa, acusada polas vítimas de “obstaculizar” a investigación: “O Goberno resistiuse a que se coñecese a verdade; non axudou a investigar”, apunta Víctor Taibo, representante da Plataforma. Asemade, insta á nova executiva de Pedro Sánchez a desvelar as causas do descarrilamento “caia quen caia”.
A seguridade, unha eiva non resolta
Cinco anos despois daquel tráxico suceso en Angrois, a curva da Grandeira conta agora cunhas medidas de seguridade que terían evitado o accidente de estaren activas naquel intre. Porén, o sistema europeo de xestión do tráfico ferroviario —ERTMS—, que impide que os trens superen a velocidade máxima permitida nun tramo concreto, aínda non está operativo.
Por outra banda, nas últimas datas estanse a pór sobre a mesa cuestións que, até o de agora, ficaban á marxe das pescudas. O documental Frankenstein 04155,presentado hai tres anos, filmouse co obxectivo de dar pulo á procura da “verdade”. Asemade, unhas semanas atrás deuse a coñecer un audio censurado do maquinista daquel tren no que lembraba que el xa avisara “que isto [o accidente] podía pasar”.