Por primeira vez, o PP perde unhas eleccións en Galicia. É unha dos datos que sacamos das eleccións deste domingo, uns comicios nos que o PSOE venceu con máis do 32 por cento dos votos e suma dez escanos en Galicia. En Común-Unidas Podemos obtivo dúas representantes mentres que En Marea apenas chegou ao 1 por cento dos votos. Dende o BNG non deron conseguido representación aínda que duplicaron os resultados de 2016. Quedaron preto do 6 por cento do apoio.
Valoracións dende o activismo galego
Activistas e colectivos de toda Galicia valoran as eleccións deste 28 de abril como unha xornada de certo alivio e, ao mesmo tempo, de necesidade de construír e consolidar unha loita de base.
Mentres se recontaban os votos, a sindicalista e traballadora na sanidade pública, Eli Dosil, do PROSAGAP, falábanos do medo á ultradereita e de que “pase o que pase, a seguir loitando”.
Desde a cultura e os feminismos, Lara Rozados apunta a que non abandona “o estado de alarma”. “Non estamos no peor escenario posíbel, gañou a esquerda con diferenza, e foi unha alegría comprobar que o mapa de Galicia deixa de ser totalmente azul nas infografías. Pero non podemos deixar de estar alertas: por unha parte, hai que ter en conta que foi un voto en boa medida motivado polo medo á irrupción da extrema dereita; pola outra parte, que esa extrema dereita entrou (e con forza). Ao derrubamento do PP sumóuselle un aumento exponencial de Ciudadanos e de Vox, partidos de orixe fascista (moi explicitamente fascista). Se miramos as gráficas, está claro que boa parte dos votantes do PP foron dar a estes dous (e, por exemplo, Falange Española de las JONS case en pleno). Ademais, amósanse como un movemento de masas, capaz de mobilizar a millóns de persoas a través do medo e a demagoxia máis burda. Por outra banda, comprobouse que o centralismo español está en declive: miremos os resultados de Euskadi e Cataluña! Outra cousa é o que pasou en Galiza: caeu a dereita, que xa é un fito histórico, mais é palpable ese voto do medo do que falaba. E ollo: o BNG dobrou, malia non conseguir representación, o número de votos… Pero canto medraron Ciudadanos e VOX? En definitiva, como muller galega feminista e de clase traballadora, a miña sensación é de vixilancia. Tomo as palabras de Antonio Gramsci, case un século despois de escribilas en L’Ordine Nuovo o 1 de maio de 1919: “instrúanse, porque habemos precisar toda a nosa intelixencia. Conmóvanse, porque precisaremos todo o noso entusiasmo. Organícense, porque habemos necesitar toda a nosa forza”.
“Como muller galega feminista e de clase traballadora, a miña sensación é de vixilancia”
Nesta cobertura especial do 28A, coa ollada nos movementos sociais, Afrogalegas denunciaba o racismo institucional e as súas consecuencias nestes comicios.
Dende a Plataforma Mina Touro – O Pino NON, Isabel García explica que no colectivo existe unha diversidade de opinións e pero que están unidas pola defensa da terra fronte a mina. Sostén que dalgunhas forzas políticas xa recibiron o apoio político e doutras aínda non. “As persoas que nos vaian representar dende hoxe en diante no Congreso e no Senado deben saber que imos seguir máis firmes que nunca para que a Declaración Impacto Ambiental (DIA) sexa negativa e unha negativa clara do proxecto mineiro. É o noso dereito. Hai moitos Touro e O Pino e estaremos unidas: pola defensa da Terra, do Aire e da Auga limpas!”.
Dende a Plataforma Vítimas Alvia 04155, Ascensión Ferreiro sostén que “nunca van calar” e lanzan a seguinte mensaxe:
Dende a CUT, o secretario xeral Ricardo Castro critica o “infantilismo democrático” con que “depositando un papel na urna lexitimamos todo” e a “ese discurso contribúe a esquerda”.
Dende o Sindicato Ferroviario, José Carlos Costoya sinala que “o voto do medo abre a porta á tentación para un goberno neoliberal liderado polo PSOE con maioría para catro anos. Nefasto para a clase traballadora e para os servizos públicos en particular. Mañá a unidade popular debe estar na rúa, é máis necesaria que nunca. O sindicalismo alternativo é imprescindibel fronte o descrédito e a manifesta sumisión dos maioritarios. Non pasarán. Moito raballo por facer”
“O sindicalismo alternativo é imprescindíbel”
O escritor e director xeral de Galaxia, Francisco Castro, lamenta que non haxa ningunha forza galega de seu no Congreso.
Desde a cultura, a actriz e cabaretereira, Iria Pinheiro, sostén que agardaba “uns mellores resultados” e engade que “hai que seguir loitando”. Tras lanzar un amplo suspiro, di que cómpre “traballo de fondo e de campo”. “De campo porque hai que sachar”, explica, “teño a sensación de que hai inestabilidade” e “teño un nó no estómago, dáme ansiedade porque me gustaría saber que vai pasar nas eleccións municipais”. “Despois, estarei cun nó na gorxa ata as autonómicas. Hai que seguir sachando e quitando a uralita do tellado da cabeza”.
Desde Raias Travesseiras, Mónica Alzate, valora a xornada electoral desde a perspectiva feminista e antirracista.