A Universidade de Santiago de Compostela conta estes días cun convidado único. Trátase de Finn E. Kydland, premio Nobel de Economía no ano 2004, que se atopa na cidade para participar no programa ConCiencia que desenvolven a USC e o Consorcio. O economista noruegués, máximo expoñente do estudo dos ciclos económicos, foi recibido esta mañá no Concello de Santiago, nun acto no que amosou parte do seu ideario. Para Kydland, a Unión Europea só ten sentido “se os Estados integrantes teñen sistemas económicos semellantes”, e é no caso contrario cando xorden “conflitos”.
Finn Erling Kydland (Ålgård, Noruega, 1943) foi premiado polas súas contribucións á macroeconomía dinámica. O noruegués expuxo que as políticas económicas están a miúdo “infestadas de problemas de inconsistencia temporal”, e demostrou que “a sociedade podería beneficiarse dun compromiso previo coa política económica”. Así e todo, presentou novas ideas sobre “o deseño da política económica e as forzas impulsoras detrás dos ciclos económicos”.
Conferencia no Pazo de Fonseca
María Rozas, alcaldesa accidental, presidiu a recepción a economista, que asinou o Libro de Honra do Concello. Este venres 8 de xuño, a partir das 12.00 horas, Kydland ofrecerá unha conferencia titulada Política económica e o crecemento dos ingresos das nacións. O evento, que se desenvolverá no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, está aberto a todo o público e terá tradución simultánea.