O PSdeG reclama “mellores condicións” para o aeroporto de Lavacolla

Paco Reyes esixe a implantación das rutas internacionais pendentes, a baixada das taxas e as lanzadeiras dende tódalas cidades galegas

Andrés Terraza

As boas cifras de tránsito ás que nos tiña acostumado o aeroporto de Lavacolla estanse a frear nas últimas datas. O pasado mes de abril rexistrouse unha baixada do 4’3% con respecto ao 2017, unha tendencia contraria á das outras cidades galegas. Asemade, aínda non se implantaron a meirande parte das 22 rutas internacionais prometidas. Esta cuestión preocupa ao grupo municipal socialista, que no vindeiro Pleno pedirá ao alcalde unha explicación.

As taxas de Lavacolla son case un 40% superiores ás de Alvedro e Peinador

Outra cuestión que sacará a debate o voceiro local do PSdeG-PSOE, Paco Reyes, é que Aena estude unha baixada das taxas de Lavacolla, que son “case un 40%” superiores ás de Alvedro e Peinador. Así e todo, o concelleiro socialista insta á Xunta a que conceda as licenzas para conectar o aeroporto compostelán co resto das cidades do país, unha conexión xa existente coa terminal de Porto, Sá Carneiro.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Nas últimas datas, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, instou á Xunta a dotar ás catro terminais galegas de maior autonomía e poder de decisión. Para Paco Reyes, esta podería ser unha boa proposta se a Lavacolla se lle desen as “ferramentas precisas” para lograr a súa “autonomía total”.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -