Home Espazo Aberto Medio ambiente A Plataforma veciñal Mina Touro o Pino NON levará o conflito ante o Parlamento Europeo

A Plataforma veciñal Mina Touro o Pino NON levará o conflito ante o Parlamento Europeo

0
A Plataforma veciñal Mina Touro o Pino NON levará o conflito ante o Parlamento Europeo

A Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NO comparecerá este 12 de novembro na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. Nunha nota de prensa, o colectivo veciñal denuncia o “pesadelo interminable da mina de Touro” tras máis de dous anos de tramitación administrativa do proxecto de explotación de cobre a ceo aberto nos municipios de Touro e O Pino. A plataforma denuncia as palabras da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, en comisión parlamentaria cando sinalaba que a balsa de Bama (Touro) non desaparecera, senón que se “reduciu polo ciclo hidrolóxico normal de cada ano”. As súas palabras constitúen, para as veciñas, unha “mofa e unha ofensa”.

Dende a Plataforma non entenden a razón pola que a Xunta de Galicia aínda non lle denegou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) a Cobre San Rafael, que xa obtivo múltiples informes negativos. Pregúntanse “a que se debe a lentitude burocrática por parte da Xunta de Galicia? É premeditada? Electoralista? Non hai medios públicos suficientes para cumprir os prazos procedementais que marca a normativa?”.

Nas últimas semanas Cobre San Rafael presentou máis documentación ante á Administración que a Plataforma considera “reiterativa” e que “non responde as cuestións expostas nos diferentes informes sectoriais”. Ao mesmo tempo, a Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON mantivo varias reunións cos departamentos de Medio Ambiente e Augas de Galicia sen éxito.

A Plataforma veciñal reivindica o traballo da veciñanza de Touro e O Pino “quen levou a cabo un labor constante de inspección, control e denuncia de todas as irregularidades cometidas en relación coa mina” fronte a pasividade dos concellos de Touro e O Pino, Augas de Galicia ou a Dirección Xeral de Minas. “Talvez a Administración galega, coa súa actitude, estea a buscar a fartura e cansancio da cidadanía que loita contra esta clase de proxectos, pero equivócase de estratexia, porque o efecto que consegue é o contrario”.