Home Programas Espazo Aberto A veciñanza de Redondela volverá saír ás rúas hoxe en contra das casas de apostas

A veciñanza de Redondela volverá saír ás rúas hoxe en contra das casas de apostas

0
A veciñanza de Redondela volverá saír ás rúas hoxe en contra das casas de apostas

A Coordinadora contra a Casa de Apostas en Redondela convocou para este luns, ás 18 horas, unha concentración ante o local no que se pretende ubicar unha nova casa de apostas, na rúa Ernestina Otero, en medio dunha zona educativa. Na anterior mobilización, que tivo lugar o pasado 26 de outubro, congregáranse centos de persoas que rexeitaron a apertura desta nova casa de apostas a tan só 200 metros da zona escolar de A Marisma.

A sala de apostas que se pretende abrir en Redondela foi das últimas autorizacións que deu a Xunta, antes da entrada en vigor do decreto que paralizou os permisos mentres non entra en vigor a nova Lei do Xogo de Galicia actualmente en tramitación.

O Boletín Oficial de Pontevedra publicou o pasado 30 de outubro o anuncio da alcaldía polo que se somete a información pública o expediente de tramitación da licenza municipal polo que a veciñanza ten ata o 27 de novembro para presentar as alegacións que estimen oportunas e intentar unha vía máis para paralizar a apertura desta nova casa de apostas.