Bruxelas xa está a artellar a Política Agraria Común que permanecerá vixente no período 2021-2027. O pasado mércores, a Comisión de Agricultura aprobou unha proposta que Lídia Senra, eurodeputada de AGE-Esquerda Unitaria Europea, considera “insuficiente”, xa que sería preciso orquestrar “cambios profundos” nas políticas europeas para mellorar a situación do medio rural.
Para Senra, esta proposta de PAC non abrangue tres cuestións “fundamentais”: a contaminación dos solos, a sobreprodución e o establecemento de prezos mínimos. Así e todo, malia as iniciativas que tentan regular o mercado, as pequenas e medianas explotacións agrogandeiras ficarían nunha situación de “desigualdade”.
Tratado UE-Mercosur
Por outra banda, Senra amosou a súa preocupación ante o tratado de libre comercio que poderían asinar a UE e Mercosur nos vindeiros anos, xa que permitiría vender en Europa carne producida en países como Brasil a 2€/kg, un prezo que suporía a “ruína” para as explotacións galegas.