Portazo do Concello de Teo ao proxecto contaminante que Toysal pretende reabrir na Casalonga.
Deste xeito, o Concello de Teo acaba de remitir á Xunta un informe de compatibilidade urbanística negativo co que se agarda agora que a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia arquive definitivamente o proxecto da planta de residuos de Toysal na Casalonga. Rafael Sisto explicou esta mañá en rolda de prensa que “os servizos técnicos municipais levan tempo traballando nun documento que mantén que o proxecto de Toysal é incomplatible urbanísticamente e agora é o momento de que a Xunta cumpra e peche a tramitación do expediente de Toysal” e como indicou Uxía Lemus, concelleira de Urbanismo, “o faga coa mesma premura que se nos esixía a nós para a emisión do informe”.
Polo tanto, o Concello de Teo amosa a súa determinación no rexeitamento destas instalacións en solo rústico. O informe asinado polo arquitecto municipal e polo propio alcalde resalta que as instalacións previstas por Toysal son incompatibles coa normativa urbanística de Teo e, en especial, co seu PXOM.
A presión cidadá ten que continuar
O alcalde e a concelleira, diante de varios/as representantes da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos tamén indicaron que “a presión cidadá ten que continuar” e indicaron que “reivindicamos o traballo de información que se fixo dende o inicio do proceso xa que non atoparedes outro concello, que nunha circunstancia similar, teña informado antes do proceso de exposición pública e fixémolo porque necesitamos que esto sexa unha batalla conxunta”.
A planta ocuparía unha extensión duns 135.000 metros cadrados na antiga canteira da Casalonga. Está pensada para tratar diversos tipos de residuos orgánicos, cun volume que segundo o proxecto da empresa se situaría entre as 80.000 e as 90.000 toneladas anuais. Os máis numerosos serían os lodos procedentes de depuradoras de augas residuais (25.000 toneladas ao ano), residuos de industrias agroalimentarias (22.000 toneladas anuais) e lodos de conserveiras (20.000 toneladas anuais). Ademais procesaría 10.000 toneladas ao ano de subprodutos animais non destinados ao consumo humano, tecnicamente coñecidos polas siglas SANDACH, e unhas 3.000 toneladas anuais de xurros e estercos.
A veciñanza de Casalonga advirte: “Santiago está rodeado de vertidos tóxicos”