“Das tres administracións que hoxe estaban sentadas á mesa, tan só dúas marchan con acordos formais asumidos, necesarios para botar a andar unha infraestrutura básica”. Así de contundente foi o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, ao remate da xuntanza de onte en Madrid na que participaron, ademais del mesmo, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, a presidenta do ente dependente do Ministerio de Fomento, Isabel Pardo de Vera, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Unha reunión, polo que semella, moi construtiva por parte do goberno local e da administración local como resumiu o propio alcalde coruñés. “Se o proxecto da Intermodal só dependese do Concello e do Estado, as obras poderían iniciarse xa en 2019”.
Falta de implicación da Xunta
Para Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana, a actitude da conselleira é nefasta para os intereses da cidade polos retrasos que podería ocasionar na realización desta importante infrestrutura..
“A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade non quixo comprometerse a fixar prazos nin tampouco cantidades de investimento, nin os relacionados cos fondos europeos nin cos propios”, e engadiu “non fixo máis que evitar que chegásemos a ningún tipo de acordo entre as tres partes: non quixo falar dos prazos de licitación da súa parte, a correspondente á estación de autobuses, tampouco da adopción de trámites de urxencia nin para a licitación deste contrato nin en xeral para a tramitación de todo o proxecto ou as modificacións urbanísticas”.