A Fiscalía de Medio Ambiente ven de comunicar á Plataforma de Afectados Polo Vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes a apertura de dilixencias de investigación penal por un posible delito medioambiental (tipificado no artigo 325 e seguintes do Código Penal) na xestión do vertedoiro de Miramontes.
A Fiscalía considera necesario abrir estas dilixencias a raíz da denuncia, presentada pola Plataforma e que conta co apoio do Concello de Santiago, por incumprimentos moi graves da autorización ambiental integrada do vertedoiro de residuos non perigosos na canteira de Miramontes.
A actuación da empresa será investigada por un presunto delito contra o medio ambiente
A partir dos argumentos proporcionados pola Plataforma fundamentados nas actas de inspección da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, no proxecto construtivo do vertedoiro e noutra documentación aportada pola propia empresa á Xunta, a Fiscalía considera que os feitos descritos “poden ser indiciarios dun delito contra o medio ambiente no seu aspecto comisivo ou omisivo, e á vista do aportado estima imprescindible para a súa investigación a práctica dunha serie de dilixencias”.
Na resolución a Fiscalía sinala que “ademais da empresa responsable, corresponde ás administracións públicas o control das actividades potencialmente contaminantes ou perigosas, polo que é preciso coñecer o estado dos expedientes, sancionadores, de reposición da legalidade, plans de actuación, ou calquera outro que a autoridade ambiental incoara ou realizara en relación ás actas de inspección ou ao programa de vixilancia ambiental”.
Dacordo con todo o anterior, a Fiscalía solicita agora á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a información sobre as medidas adoptadas, ao Concello de Santiago de Compostela a información sobre as posibles queixas e denuncias polos cheiros, tráfico… e sobre as actuacións da Policía Local respecto ao vertedoiro e dos bombeiros en relación aos incendios rexistrados neste e, incluso, pide informes á Comandancia de Santiago da Garda Civil sobre as incidencias e denuncias e as medidas encamiñadas a restaurar a seguridade da zona e o tráfico, con relación ao tránsito de camións ao vertedoiro.
Así é, agora, os veciños e membros da Plataforma móstranse esperanzados coa apertura destas dilixencias de investigación e aprezan que a decisión da fiscalía é “un recoñecemento da necesidade de aclarar os feitos” que levan denunciando e sufrindo dende hai anos.