A Fundación Franco pide 247 anos de cárcere para as e os militantes do Bloque que “ocuparon o Pazo”

A denuncia, presentada pola Fundación Franco, a xa falecida Carmen Franco e o seu fillo, Cristóbal Martínez-Bordiú, reclama tamén medio millón de euros

Os militantes do Bloque que ocuparon o Pazo de Meirás en setembro acaban de anunciar en rolda de prensa que foron denunciados pola Fundación Franco, a xa falecida Carmen Franco e Cristóbal Martínez-Bordiú, neto do ditador, que piden un total de 247 anos de cárcere para todos eles. Asemade, a demanda inclúe unha multa económica que podería roldar o medio millón de euros. “Estannos denunciando unha fundación que enaltece o fascismo e a familia dun ditador”, indican as e os protagonistas daquela simbólica ocupación.

Trátase de dezanove persoas vinculadas ao BNG, que accederon ao Pazo nun día normal de visita e, unha vez dentro, adentráronse nas estancias “prohibidas” para, pouco despois, chegar ao alto da torre e despregar dúas faixas reivindicativas. Néstor Rego, da plataforma 19 de Meirás, aclara que foi unha acción “pacífica” e “simbólica”, trala que abandonaron as instalacións acompañados pola Garda Civil pero “sen incidentes”. As e os militantes non comprenden as represalias que podería supor este acto.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Os delitos que se lles imputan son os de “Violación de Morada co agravante de violencia ou intimidación” (entre 1 e 4 anos de cárcere), “Delito contra o Honor” (de 6 meses a 2 anos), “Delito de Odio” (de 1 a 4 anos) e “Danos na modalidade agravada” (de 1 a 3 anos). Este grupo de militantes agradece o apoio recibido dende diversos sectores da cidadanía galega, que “comparte” a acción realizada porque supón unha “reivindicación” da devolución ao pobo de bens espoliados como o propio Pazo, a Casa Cornide ou as esculturas de Abraham e Isaac.

EN AMPLIACIÓN

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -