Aínda que ten apelido de cabo, a Xosé A. Touriñán tócalle moito prodigarse en papeis de golfo, porque en Madrid non acaban de crer que teña man para a comedia. En Galicia, sabemos que cando a fai é criminal. Empezou poñendo en prácticas sobre o escenario todo o que aprendera na taberna familiar, e despois, tras bater récords tanto na TVG como no teatro, como en Netflix, acariña a idea de facer un wéstern galego ou como diriamos aquí, unha de vaqueiros.
O actor e humorista Xosé A. Touriñán protagoniza o 2º capítulo do videopodcast O Vagón, presentado por Luís Pardo e producido e realizado por Nós Televisión. Durante o programa, Pardo e Touriñán conversan sobre os seus inicios, sobre o que se pode facer desde o humor, sobre a súa marcha do Land Rober no momento de maior éxito, sobre a TVG e os seus traballos fóra de Galicia, sobre Mucha e Nucha, sobre a serie Fariña, sobre o que lle gustaría facer no futuro e moito máis, nun encontro no que tamén hai tempo para xogar e ata para contar chistes e interpretar personaxes.
O programa O Vagón recibiu o Premio no I Certame ‘Fondo de Apoio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social 2025’ da Deputación da Coruña e está patrocinado por Deleite e Daveiga, ademais de contar co apoio de Gadis e A Estación Concello de Vedra. Conta en todos os capítulos cunha sección especial en colaboración con Aquí tamén se fala e unha sección de Xogo ideada pola xornalista Xiana Arias e presentada, neste capítulo, pola actriz Carmen Méndez.
Pode verse na canle de youtube de Nós Televisión, en aberto para todos os públicos; en Spotify; en Movistar Plus+ para todos os clientes de todo o Estado español; e na canle 9 de R, para todos os clientes de Galicia. Así mesmo, é promocionado a través de cortes en todas as redes sociais (Instagram, Facebook, x, Tiktok), co obxectivo de chegar a unha maioría social.



