Nós Televisión estrea o xoves 16 de outubro O VAGÓN, un novo programa de videopodcast, producido e realizado por Nós Televisión, presentado polo xornalista Luís Pardo e gravado no interior dun tren na Estación de Vedra.
O programa lanzarase cunha extensa conversa entre Luís Pardo e o xogador do Celta Borja Iglesias, na que se fai un repaso a toda a súa carreira profesional, persoal, as súas afeccións, e se tratan temas de actualidade como o xenocidio de Israel en Palestina; os estereotipos que imperan no fútbol profesional; o respecto aos dereitos e liberdades dos xogadores, a aposta que está a facer o club vigués por apoiar a cultura e lingua galegas, etc.
Con este novo programa Nós Televisión pretende dar a coñecer un lado diferente e próximo daquelas persoas que a día de hoxe son referentes no noso país. De aquí a finais de ano, subirán ao Vagón ademais de Borja Iglesias, nos seguintes episodios, o actor e humorista Xosé A. Touriñán, a influencer Carolina Iglesias e as músicas Sabela e Olaia Maneiro, e Xabier Díaz.
Ademais da entrevista con Luís Pardo, en todos os programas as convidadas participan nunha sección moi especial, O XOGO do Vagón, deseñado pola xornalista Xiana Arias, conducido en algúns capítulos por ela mesma e noutros pola actriz Carmen Méndez, no que as participantes se verán sometidas a situacións ás veces comprometidas, ás veces ben cómicas.
O programa tamén inclúe unha sección Aquí tamén se fala, onde a rapazada do IES Rafael Dieste da Coruña realiza ás convidadas unha serie de preguntas do máis inesperado e interesante.
O videopodcast recibiu Premio no I Certame ‘Fondo de Apoio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social 2025‘ da Deputación da Coruña e está patrocinado por Deleite e Daveiga, ademais de contar co apoio de Gadis e A Estación Concello de Vedra.
Poderá verse na canle de youtube de Nós Televisión, en aberto para todos os públicos; en Spotify; en Movistar Plus+ para todos os clientes de todo o Estado español; e na canle 9 de R, para todos os clientes de Galicia. Así mesmo, será promocionado a través de cortes en todas as redes sociais (Instagram, Facebook, x, Tiktok), co obxectivo de chegar a unha maioría social.



