Todo o que deberías saber de cara a gala dos 9ª Premios Martín Códax da Música

A gala xirará ao redor da historia e relevancia das verbenas no noso país

Este mércores celebrarase a gala dos 9ª Premios Martín Códax da Música, que converterá o Pazo da Cultura de Pontevedra nunha verbena, e dende a equipa de Nós Televisión traémosche os datos que debes ter en conta para gozar dun dos eventos máis destacados da música do noso país.

A cita terá lugar o mércores 5 de outubro ás 21 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra onde se reunirán todas as propostas finalistas nas diferentes categorías dos galardóns. Este ano cómpre destacar a dirección da gala que correrá a cargo da actriz, guionista, e dramaturga Carmen Conde, de Tarabela Creativa, e que contará no escenario coa “electrocharanga” Mekanika Rolling Band, que se encarga da parte musical do evento. A gala poderá seguirse en directo en premiosmartincodaxdamusica.gal.

Como será a gala?

Non se pode desvelar ningún segredo mais si preparar o corpo para unha gala que apunta alto. A formulación de Carmen Conda na dirección artística xirará ao redor da historia e da relevancia das verbenas no noso país. A electrocharanga orixinaria de Negreira, a Mekanika Rolling Band, constituirá un elemento fundamental no desenvolvemento da gala cos seus sete músicos. O concepto e guión da gala dos 9º Premios Martín Códax da Música é un traballo man a man de Carmen Conde, condutora da gala, e o seu compañeiro en Tarabela Creativa, Diego Gallego, que conta coa escenografía de Bieito Miranda.

Novidades nos premios!

O único premio que sabemos de antemán é o honorífico que recollerá este ano o histórico grupo Fuxan os Ventos que celebran o seu 50 aniversario. Cómpre saber tamén que este ano existen dúas categorías novas: Artista do Ano e Artista Emerxente. No caso de Artista do Ano, o certame abriu o proceso á participación do público xeral co obxectivo de incidir na expansión de proxectos e carreiras musicais. No caso da categoría de Artista Emerxente, é un xurado profesional quen valora e decide o proxecto premiado.

Coñeces ás finalistas 2022?

Agora só nos queda coñecer a todas as propostas finalistas para completar toda a información precisa para desfrutar este mércores dun dos eventos máis importantes do noso sector musical. Na categoría de Pop e Indie os artistas seleccionados son De Vacas, Anxo Araujo e Néboa; en Rock, Familia Caamagno, Moura e Bala e en Blues, Funk e Soul, Nastasia Zürcher, Udra e O Cadelo Lunático. As tres propostas finalistas en Canción de Autor/a son Antía Muíño, Xóan Curiel e Sofía Espiñeira, mentres que en Músicas Urbanas son Rebeliom do Inframundo, O Rabelo e Ilmarto. Grande Amore, Garza e Hilario Rodeiro son finalistas da categoría de Electrónica e, no caso do Metal, os afortunados foron os grupos Arrhythmia, Grima e Teima.

No apartado de Música Clásica e Contemporánea son finalistas 2022 Samudra Trío, Katerina Linke e Fernando Abreu; en Jazz e Músicas Improvisadas, Xosé Miguélez 4tet, Orquestra Galega de Liberación e Valentín Caamaño. Na categoría de Músicas do Mundo e Mestizaxe, resultado de fusionar as dúas existentes nas edicións previas dos premios, chegan á final dos mesmos, Catuxa Salom, Nebra e Sheila Patricia. En Música Tradicional, Airiños da Freba, Cántigas e Frores, e Os da Porfía foron os nomeados na tarde do mércores 14, e en Folk foi a quenda de Cuarteto Caramuxo, Oîma e Os d’Abaixo. Mamá Cabra, Pitusa Semifusa e Martiña Soñadora son os proxectos musicais dirixidos aos públicos noviños que resultaron finalistas na categoría Infantil; mentres que en Orquestras, Grupos e Música de Verbena a triada finalista é La Oca Band, Bicoia e América de Vigo, e en Bandas de Música Popular, a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Cultural de Salceda e A Banda de Lombás. Os Premios Organistrum recuperaban nesta novena edición o seu proceder habitual tras a pandemia. Na categoría de salas, A Arca da Noe (Vilar de Santos), Sala Karma (Pontevedra) e Sala Rebullón (Mos); na de festivais, Festival de Ortigueira, Canteira Fest (Vilaboa) e Canjazz (Cangas). Os Espazos de Comunicación Musical que chegan á final dos premios son Ondas Indies (Radio Galega), A Xente de Teo e Descúbreas.

Organización

E coma sempre é ben coñecer de onde sae o esforzo e traballo de organización dos grandes eventos. Por iso, cómpre ter en conta que os Premios Martín Códax da Música están promovidos por Músicas ao Vivo, patrocinados polas Bodegas Martín Códax e contan co apoio do Concello de Pontevedra, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego