Fuxan os Ventos celebra este ano o seu 50 aniversario, unha efeméride que non pasou desapercibida para os Premios Martín Códax da Música que lle entregarán ao grupo o galardón honorífico da súa novena edición.
Fuxan os Ventos
Fuxan os Ventos naceu en 1972 en Lugo no seo do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O grupo participou co nome de Folk 72 no III Festival musical das San Lucas de Mondoñedo, onde gañaron o primeiro premio co tema “Fuxan os ventos”. A partir de entón adoptaron este nome para o grupo. O seu repertorio inclúe composicións propias, da tradición popular e adaptacións de temas poéticos de Manuel María, Darío Xohán Cabana, Marica Campo e Celso Emilio Ferreiro, entre outros. Moitos dos seus temas emblemáticos falan da situación de dependencia económica de Galicia, da lingua e cultura e, tamén, do caciquismo e da emigración.
Considerados pioneiros e baluartes da música en galego, Fuxan os Ventos constitúe un proxecto histórico, refrendado non só pola crítica e o propio sector musical, senón ademais polo gran público. A súa música chegou a milleiros de persoas e puxo a canción en galego en boca de varias xeracións. O galardón entregarase na gala dos 9º Premios Martín Códax da Música o vindeiro 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde tamén se proxectará un vídeo con entrevista e homenaxe á banda.
Gala 9ª edición o 5 de outubro en Pontevedra
A relación de proxectos finalistas dos Martín Códax, que se desvelaba o pasado 14 de setembro, ofrecen unha ampla perspectiva do panorama musical galego na actualidade. A votación está aberta aos socios e socias de Músicas ao Vivo desde o 15 de setembro ao 2 de outubro. Ademais este ano abriuse a participación tamén ao público, que poderá votar nunha das novas categorías extraordinarias desta edición (Artista do Ano) a través da páxina web dos Premios. A gala desta 9ª edición dos Martín Códax celebrarase o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra; ali coñeceremos todas as propostas premiadas da edición, incluídas as das novas categorías extraordinarias: Artista Emerxente e Artista do Ano. As Bodegas Martín Códax patrocinan os Premios Martín Códax da Música, promovidos por Músicas ao Vivo, que contan ademais co apoio do Concello de Pontevedra, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.