A Constitución de 1978 segue a ser o piar sobre o que se sustenta o ideario do PSdeG. O secretario xeral da formación, Gonzalo Caballero, expuso os seus obxectivos para o 2018 nun almorzo informativo organizado por Fórum Europa que presentou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e ao que asistiron figuras importantes dentro do partido coma o voceiro no Parlamento, Xaquín Fernández Leiceaga, ou o expresidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Segundo Caballero, os socialistas deberán situarse dentro da proposta socialdemócrata europea, cun tinte de “galeguismo internacionalista” entendido coma defensa do patrimonio cultural.
Máis autogoberno e “reforma” constitucional
Non faltaron as críticas, por parte de ambos dirixentes, á executiva de Núñez Feijóo, un presidente que “está noutro proxecto” e lidera un goberno “débil en maioría”. Así e todo, Gonzalo Caballero salientou a importancia de que Galicia “gañe peso político” dentro de España e se sitúe “á cabeza” dunha hipotética reforma constitucional que lle outorgue unha maior capacidade de autogoberno, ao tempo que garantiu que a actual crise das autonomías “non derivará nunha nova centralización”.
O líder socialista empregou o termo “nación de nacións” para identificar a súa proposta administrativa, “integrando a diversidade dentro do conxunto do Estado”. Con todo, esta definición limitaríase ó eido cultural, xa que se trataría de “nacionalidades que non troceen a soberanía nacional”.