Home Programas Espazo Aberto Ponteareas estabiliza máis de 30 empregos co soldo ao que renunciou o alcalde

Ponteareas estabiliza máis de 30 empregos co soldo ao que renunciou o alcalde

0
Ponteareas estabiliza máis de 30 empregos co soldo ao que renunciou o alcalde

O Concello de Ponteareas vén de efectuar o pago de 39 subvencións para a creación de emprego por un importe de 37.500 euros. As achegas permitirán a creación e estabilización de postos de traballo na vila, concedendo axudas para autónomos e fomentando a transformación de contratos temporais en indefinidos.

Ponteareas conta cunha taxa de desemprego superior ao 22%

Os cartos das subvencións proceden do soldo que lle correspondía ao rexedor Xosé Represas polo seu cargo, mais renunciou a el ao chegar ó consistorio cumprindo coa súa promesa electoral. Deste xeito, o alcalde contribúe a combater o desemprego, “un dos principais problemas do concello”, xa que a taxa actual de paro sitúase por riba do 22%.

Xosé Represas, alcalde de Ponteareas

Dúas liñas de traballo

Este plan de creación de emprego susténtase sobre dúas liñas de actuación. A primeira, o emprendemento empresarial individual, de xeito que se concederon axudas de 1.000 euros a 33 persoas en situación de desemprego que se deron de alta en réxime de autónomas, creando o seu propio posto de traballo.

A segunda, a concesión de 4.000 euros a empresas que convertisen contratos temporais en indefinidos. Por outra banda, o Concello subvencionou un contrato de formación e outro de prácticas por un importe de 300 e 200 euros respectivamente. “Esta non é unha axuda simbólica, senón que contribúe realmente a crear emprego en Ponteareas”, asegura Represas.

Asemade, o goberno local anunciou a apertura dunha nova convocatoria o vindeiro mes de febreiro, que disporá esta vez dunha contía próxima aos 50.000 euros. As liñas de actuación serán as mesmas, e obterán cobertura tanto os contratos xerados en 2017 coma os que se produzan nos primeiros meses de 2018. A intención do alcalde é continuar na mesma liña no apartado do emprego e, no caso de presentarse novamente aos comicios locais, repetir a promesa electoral: “Non contemplo outro escenario distinto”, expresou.