Na sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades presentouse o novo manual práctico de fraseoloxía galega ‘Para dar trela’, de Carmen Losada Aldrey, Alba Cid Fernández e Xurxo Fernández Carballido. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, foi o encargado de presentar este traballo acompañado dos autores e do coordinador da obra, o académico Xesús Ferro Ruibal.
Unha obra eminentemente práctica.
O novo manual práctico de fraseoloxía galega ‘Para dar trela’, editado polo Ramón Piñeiro na súa colección Biblioteca Fraseolóxica, coas ilustracións de Evaristo Corujo, Tito, e coa colaboración de Luis Davila, cuxas famosas viñetas se reproducen na sección ‘Para estar de humor’ de cada capítulo.
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a promover e desenvolver proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. Agora mesmo centra as súas liñas de investigación, ademais de nos estudos de fraseoloxía, en proxectos de lingüística con aplicacións informáticas, en estudos de prosa e poesía medieval, na recuperación e análise de publicacións literarias e en proxectos de antropoloxía referidos á identidade colectiva, entre outros.