Reaxuste no Concello das estratexias tras a redución dos Fondos Europeos

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, informou esta mañá en rolda de prensa das conclusións do VI Pleno da Rede de Iniciativas Urbanas, que tivo lugar a pasada semana en Madrid e que tivo nos Fondos Europeos un dos temas principais.

- Publicidade -

Nun principio, Santiago de Compostela recibiría a contía máxima, un total 10 millóns de euros. Porén, para que puidesen saír beneficiadas outras cidades, esta cifra acabaría reducíndose.

O edil amosou en rolda de prensa que, ata que non se aprobe a concesión, non se poderá redactar o manual de procedementos. Só desta forma haberá oportunidade, posteriormente, de solicitar os Fondos para accións concretas.

Na rolda de prensa interveu tamén a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, indicando que o obxectivo clave será reaxustar dos 15 millóns que se ían conceder en principio aos 10 actuais. A maiores, expresou tamén a actuación da oposición ante as estratexias que se deben levar a cabo.

“A resolución aínda está pendente”

María Rozas e Jorge Duarte insistiron en rolda de prensa en que a resolución está aínda sen pechar. En palabras do concelleiro de Espazos Cidadáns aludindo ao goberno de Madrid, precísase axilidade por parte do Ministerio de Facenda. Duarte, en resposta aos medios de comunicación, afirmou que non se apostará por unha liña que reduza as iniciativas, xa que segundo dixo, os proxectos non se poden facer a medias: ou se fan completos ou non se fan.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego