A primeira serie audiovisual sobre as mulleres da revista Nós, ‘Nosoutras, as mulleres da revista Nós‘, é unha das candidatas finalistas aos Premios Mestre Mateo na categoría de Mellor serie web. A serie de Nós Televisión competirá polo galardón, que este ano chega á súa vixésimo segunda edición, con dous traballos de ficción, ‘A arte de ser mal pai’ e ‘Terapia de’, xunto coa animación, ‘Bechos’. As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará o sábado 23 de marzo no Coliseum da Coruña.
‘Rapa’, ‘O Corno’ e ‘Matria’ acaparan 42 candidaturas finalistas
Lucía Veiga e Denís Gómez anunciaron este mércores as candidaturas finalistas da vixésimo segunda edición dos Premios Mestre Mateo, nun acto celebrado no museo MEGA e que podes ver aquí. A serie ‘Rapa’ e as longametraxes ‘O corno’ e ‘Matria’ acaparan 42 candidaturas finalistas, seguidas, a certa distancia, polos filmes ‘Salta’ e ‘Fatum’.
A serie producida por Portocabo encara a recta final dos premios sendo a máis votada polas académicas e académicos, con 16 candidaturas, empezando pola de Mellor serie de TV, onde compite con outro traballo da produtora ‘Os argonautas e a moeda de ouro’, e ‘Motel Valkirias’ de CTV e ‘Saudade de ti’ de Voz Audiovisual, ámbalas dúas emitidas por TVG.
‘Rapa’ tamén coloca a seis dos seus intérpretes como finalistas nas categorías de interpretación: Iolanda Muíños, Melania Cruz e Federico Pérez Rey en papeis de reparto e Mónica López, Javier Cámara e Darío Loureiro nos papeis protagonistas. Pola súa banda, ‘Matria’ obtén catro candidaturas: para a súa actriz protagonista, María Vázquez, e para Susana Sampedro, como actriz de reparto, así como para Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” e Santi Prego como actores de reparto. ‘O corno’ conta con tres finalistas de interpretación: Carla Rivas e Diego Anido en papeis de reparto e Janet Novás como protagonista do filme dirixido por Jaione Camborda. Completan o listado o gañador do Mestre Mateo á Mellor interpretación masculina protagonista en 2023, Tamar Novas, polo seu papel en ‘¡Salta!’ e Luis Tosar, polo seu traballo en ‘Fatum’. A actriz Lidia Veiga terá un dobre protagonismo na gala deste ano, ao ser co presentadora do espectáculo e optar a premio polo seu papel protagonista no filme ‘Canto toco un animal’.
As películas finalistas a Mellor longametraxe acaparan 40 candidaturas: ‘O corno’ con 14, ‘Matria’ con 12, ‘¡Salta! con 9 e ‘Fatum’ con 5, entre elas as de Mellor dirección para Jaione Camborda, Álvaro Gago, Olga Osorio e Juan Galiñanes. Os nomes dos tres primeiros volven aparecer como finalistas polos guións dos filmes, no caso de Olga Osorio xunto con Araceli Gonda, O traballo de Pepe Coira e Fran Araújo en ‘Rapa’ completa as candidaturas.
Sete curtametraxes, cinco de imaxe real e catro de animación, foron seleccionadas como finalistas. ‘Antes de que se poña o sol’, ‘Nena’, ‘O coidado’, ‘O neno sardiña’ e ‘Ulises’ competirán polo trofeo que as acredite como Mellor curtametraxe de imaxe real. Pola súa banda, ‘Illa cordura’, ‘In half’, ‘O monstro e a nena’ e ‘To bird or not to bird’ competirán polo Mestre Mateo á Mellor curtametraxe de animación.
Na categoría de Mellor programa, atopamos ao vencedor na pasada edición dos Mestre Mateo, ‘Cinephilia’ emitido por Telemiño. Simone Saibene é finalista a Mellor comunicador e Mellor realización por este programa. Acompáñano ‘Clac’ da TVG, tamén finalista na categoría de Mellor realización co traballo de Natalia López; ‘O gran camiño. Grandes rutas a pé do mundo’ comparte candidatura finalista a Mellor realización para Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias; e ‘Cos pés na terra’ de Filmax-Producións A Fonsagrada.
Gerardo Rodríguez completa as candidaturas a Mellor Realización polo programa ‘Malicia Noticias’ que tamén obtén unha candidatura para Lucía Veiga a Mellor comunicadora, categoría na que tamén optan a premio Juan Fuentes polo magacín ‘Quen anda aí?’ e Paco Lodeiro polo concurso ‘Atrápame se podes’.
Pleno de representantes femininas na categoría de Mellor vestiario, coas candidaturas de Alicia e Lola Dapena polo seu traballo en ‘Rapa’, Ana López en ‘¡Salta!’, María Porto en ‘Fatum’ e Uxía Vaello en ‘O corno’.
Pola súa banda, só atopamos profesionais masculinos entre os finalistas nas categorías de música orixinal e son. Na primeira, Camilo Sanabria, compositor da banda sonora orixinal de ‘O corno’, competirá con Manuel Riveiro por ‘¡Salta!’, Santi Jul e Iván Laxe por ‘Os argonautas e a moeda de ouro’ e Xavi Font polo seu traballo en ‘Rapa’. A segunda e, ademais unha das máis numerosas, con nove profesionais candidatos: Carlos Mouriño, David Machado e Javier Pato por ‘¡Salta!’; Juan Gay e Diego Staub por ‘Rapa’; Sérgio Silva e David Machado por ‘Matria’ e Xavier Souto e Diego Staub por ‘Matria’. Tamén son nove os profesionais candidatos ao premio a Mellor maquillaxe e perruquería: Bárbara Brouke, Lorena Calvo e Silvia Neira por ‘O corno’; Fany Bello e Gemma Márquez por ‘Rapa’; Sonia García por ‘Matria’ e Susana Veira, Beatriz Antelo e Antonio Naranjo por ‘¡Salta!’.
Nas finalistas a Mellor dirección de produción competirán Ana Míguez, pola serie ‘Rapa’ e Javi Lopa, José Alberto Fuentes e Nati Juncal por cadanseu traballo en ‘Amigos hasta la muerte’, ‘O Corno’ e ‘Matria’.
Alexandra Fernández por ‘¡Salta!’, Ángel Amaro e Simon Canosa por ‘Motel Valkirias’, Inés Rodríguez por ‘Rapa’ e Melania Freire por ‘O Corno’ competirán polo trofeo a Mellor dirección de arte, mentres que Jaime Pérez por ‘Rapa’, Lucía C. Pan por ‘Matria’, Mauro Herce por ‘Sica’ e Rui Poças por ‘O corno’ faron polo de Mellor dirección de fotografía.
No apartado que premia a Mellor montaxe, competirán Cristóbal Fernández, polo seu traballo en ‘O corno’, Lu Rodríguez por ‘Fatum’, Ricardo Saraiva por ‘Matria’ e Gaspar Broullón, Julia Juanatey e Lucía Iglesias pola montaxe da serie ‘Rapa’.
As candidatas a seren recoñecidas como Mellor documental son ‘A viaxe de Lucy’, ‘Chichi e máis eu’, ‘Emoción, vida y teatro-A nave das Marías’ e ‘Os espazos en branco’, mentres que na categoría de Mellor anuncio publicitario atopamos ‘Arde Lvcvs MMXXIII’, ‘Chama á miña neta’, ‘Gracias’ e ‘Heather Small-Las estrellas del camino’.
Completan as candidaturas desta vixésimo segunda edición dos premios, as finalistas nao Mellor videoclip: ‘A pequena morte’ de Caamaño & Ameixeiras, ‘Fai tempo’ de The Rapants, ‘Oliveira dos cen anos’ de C. Tangana e ‘Ruando Crónicas d’Ardén-cap 2’ de Mondra.
A XXII edición dos Premios Mestre Mateo é posible grazas ao apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e a Compañía de Radio Televisión de Galicia – CRTVG.