‘Nosoutras’: tres capítulos arredor das mulleres da revista Nós

‘Nosoutras’ é a primeira serie documental sobre as tres mulleres que escribiron artigos propios na revista Nós, un dos maiores emblemas culturais galegos. “É a primeira vez que se aborda a revista Nós fixándose nas mulleres e que se coloca a vida e obra delas no centro da órbita Nós”, destacan desde o equipo de Nós Televisión que contou co patrocinio da Deputación de Ourense para elaborar esta serie documental que foi gravada maioritariamente nesta provincia.

1 – Anne MacSwiney, mestra e activista por Irlanda

A irlandesa Anne MacSwiney funda a columna de Cork do Cumann na mBan, unha organización de mulleres que logo se unirán ao IRA, forma parte do movemento sufraxista, crea as escolas Scoil Íte en Cork impulsando a lingua e cultura irlandesa. En definitiva, MacSwiney é unha militante activa no nacionalismo irlandés que tamén fixo de ponte de unión co nacionalismo galego a través da Xeración Nós.

2 – Francisca Herrera, a gran figura feminina da revista Nós

Francisca Herrera é a muller con máis protagonismo dentro da revista Nós logo de Rosalía de Castro, a quen se lle profesa unha fonda admiración. A coruñesa publica un ensaio, un relato e un poema na revista e as súas obras tamén aparecen referenciadas.

Herrera dispón dunha importante posición dentro da cultura galega nos comezos do século XX. Trátase da primeira muller en escribir unha novela en galego (‘Neveda’) e tamén a primeira muller en ser escollida académica na Real Academia Galega. Froito disto, tamén se converterá na segunda muller, só tras Rosalía, en ser homenaxeada no Día das Letras Galegas.

3 – Margot Sponer, a primeira tese sobre o galego na resistencia de Berlín

A finais de 1926, a alemá Margot Sponer chega a Galiza e percorre a cabalo as vilas e aldeas do país para completar as súas investigacións sobre a lingua galega. O paso da lingüista polo noso país deixa multitudes de anécdotas e de relacións afectivas que continuarán ao longo do tempo. O mesmo Vicente Risco volverá ver a Sponer na súa viaxe a Berlín en 1930 e alí poderá ver en primeira persoa como Margot prepara a súa tese sobre o galego antigo.

A intrépida vida da alemá completa este capítulo de Nosoutras. Margot Sponer falecerá ao pouco do remate da II Guerra Mundial no que, todo apunto, foi un asasinato cometido polas SS.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego