A canle de Youtube de Nós Televisión continúa a aumentar en audiencia, unha tendencia que cobrou forza dende setembro do 2020. En marzo de 2020, a canle de YouTube de Nós Televisión sumaba 2.615 subscricións e, un ano despois, a 24 de marzo de 2021, chega ás 8.460 subscricións.
O crecemento da canle de YouTube comezou en setembro. O 16 de setembro de 2020 ascendía a 4.063 e, en menos de dous meses, o 5 de novembro, xa se superaban as 7.200 subscricións. Nesa época, a finais de 2020, Nós Televisión arrancou coa sección #nósAFondo coa que enche de reportaxes, entrevistas e crónicas a canle de YouTube.
A aposta polos contidos en galego no Youtube está estreitamente vinculada coa cultura e lingua galegas, temas centrais dos traballos realizados por esta canle. A raíz deste traballo, a comunidade youtubeira e o consumo dos contidos galegos no Youtube non paran de medrar. Dende este 2021, todos os sábados a partir das 12 horas estreamos na nosa canle un contido novo cada semana. Hai cousas que nunca mudan, e no caso de Nós Televisión é a vontade por unha televisión de calidade, galega e que semente futuro!