Nós Televisión abre o foco: É posíbel chegar a un novo consenso de país arredor da lingua?

Poderíase chegar a un novo pacto polo galego e que importancia tería para a sociedade? Nós Televisión abre unha xanela de entrevistas arredor da lingua para ofrecer ás axentes políticas e sociais un espazo de reflexión e debate logo de que a Xunta se mostrase disposta a actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Abrimos o foco arredor da lingua partindo da visión do propio Goberno galego que lanzaba a primeira pedra na véspera do Día das Letras en sede parlamentaria. Seguiranlle máis voces e poderedes escoitalas nos vindeiros días na nosa canle de youtube e na nosa web.

Un novo pacto polo galego?

O Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobábase por unanimidade en sede parlamentaria o 21 de setembro de 2004. Neste texto recóllense máis de catrocentas medidas elaboradas co obxectivo de garantir a posibilidade de desenvolver a vida plenamente en galego e incentivar o uso da nosa lingua nos distintos ámbitos da sociedade como é a administración e xustiza, ensino, medios de comunicación, economía, sanidade, ciencias e sociedade.

Na elaboración deste plan participaron máis dun cento de profesionais a través de comisións de traballo.

Agora, vinte anos despois, non só está sobre a mesa o aniversario deste Plan Xeral de Normalización Lingüística senón tamén a posibilidade dunha actualización do texto e, por tanto, da procura dun novo consenso galego arredor da lingua.

Esta é unha posibilidade que colocaba sobre a mesa o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, que o 14 de maio, aproveitando os días previos do Día das Letras, compareceu por iniciativa propia no Parlamento. Tratábase tamén da primeira vez que se presentaba como conselleiro no Pazo do Hórreo logo de que tras as eleccións galegas, celebradas en febreiro deste ano, se constituíse o novo Goberno baixo o liderado do popular Alfonso Rueda.

A oposición, que escoitaba as declaracións de José López no Parlamento, tamén subíu ao atril. Tanto o BNG, con Mercedes Queixas, como o PSdeG, con Silvia Longueiraamosáronse escépticas sobre que ese fose un horizonte posíbel co Partido Popular no Goberno ao considerar que, logo de vinte anos, aínda non se desenvolveu o actual Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Fóra do Pazo do Hórreo, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, sumábase a este escenario pedindo a derrogación do decreto do plurilingüismo dentro do seu discurso polo Día das Letras. Tamén Queremos Galego, a través do seu voceiro Marcos Maceira, se pronunciou ao respecto esixindo á Xunta o cumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística ao diagnosticar unha “situación de emerxencia” na nosa lingua.

O debate arredor dun novo pacto polo galego continuou días despois cando, preguntado por este tema, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non marcaba liñas vermellas nas posibles negociacións. Mais si puntualizaba que a liña da Xunta seguirá a senda do chamado ‘bilingüismo cordial‘.

E agora, que está pasando?

Esta primeira xeira de declaracións deixaron un feixe de incógnitas sobre a mesa. Hai posibilidades reais de chegar a un novo consenso arredor da lingua? Que folla de ruta se quere seguir? Que novas medidas se barallan? Haberá unha nova comisión de traballo? Iniciáronse xa os contactos sociais e políticos?

Para dar resposta a todas estas preguntas, e abrir un espazo plural de reflexión e debate arredor da lingua galega, o equipo de Nós Televisión inicia unha serie de entrevistas arredor da posibilidade dun novo pacto polo galego.

As entrevistas serán emitidas a través da nosa canle de youtube e en nostelevision.gal.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego