O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, valora ante as cámaras de Nós Televisión a posibilidade de chegar a un novo pacto polo galego co obxectivo de “actualizar e pulir” o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia hai vinte anos.
Que folla de ruta quere marcar o goberno? Hai algunha liña vermella? Haberá un maior achegamento ao portugués? Suprimirase o decreto do plurilingüismo? Apoiarán que o galego sexa oficial en Bruxelas?
Un consenso sobre lingua?
A intención de actualizar o PXNL por parte da Administración xa fora anunciada con anterioridade en sede parlamentaria polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López. Este anuncio foi recibido con escepticismo polo PSdeG e o BNG ao considerar que o Goberno do PP nestes 20 anos non desenvolveu ese mesmo PXNL.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, sumábase a este debate pedindo a derrogación do decreto do plurilingüismo dentro do seu discurso polo Día das Letras. Tamén Queremos Galego, a través do seu voceiro Marcos Maceira, se pronunciou ao respecto esixindo á Xunta o cumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística ao diagnosticar unha “situación de emerxencia” na nosa lingua.
Interésache este debate? Deixa nas nosas redes sociais a túa valoración e que persoa consideras relevante nesta busca de consensos arredor da lingua galega!