Lugo prepárase hoxe para o arranque do San Froilán 2023

Desde hoxe e ata o 12 de outubro, Lugo celebra a súa semana grande de festas con máis de 200 actividades. Neste San Froilán haberá concertos como os de The Rapants, Grande Amore ou Luar na Lubre.

A volta da gran festa do outono galego contará con actividades tradicionais como o desfile do traxe tradicional, que este ano celebra a súa 51 edición ou o desfile do gando. O programa inclúe actividades xa consolidadas neste eido, como o XXI Festival de Música Tradicional de Cántigas e Frores; a Verbena Galega D’antes; ou a XXV Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos que animará as rúas do casco histórico con máis dunha ducia de agrupacións tradicionais.

A neurocientífica Sonia Villapol, que vén de publicar o libro ‘Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia’, será a encargada de dar hoxe o pregón das festas ás 20 horas. Villapol, nada no concello da Pastoriza, é investigadora e profesora no Center for Neuroregeneration do Houston Methodist Hospital Research.

Carolina Durante, hoxe ás 22h na praza Horta do Seminario

Carolina Durante é un grupo musical formado no 2017. O seu estilo de música pode incluírse dentro dos xéneros Pop, Punk e Indie. A agrupación está formada por Diego Ibáñez (vocalista), Martín Vallhonrat (bajo), Juan Pedrayes (batería) e Mario del Valle (guitarra). O guitarrista Mario del Valle e o batería Juan Pedrayes son tamén integrantes da banda Axolotes Mexicanos.

Carolina Durante viviu o seu debut no interior da Sala Juglar de Madrid, no 2017 tocando xunto á agrupación musical Axolotes Mexicanos. Tras este primeiro concerto, a banda só tardou uns meses en lanzar o seu primeiro single, titulado “La noche de los muertos vivientes”. Publicaron o seu primeiro EP en dicembro do 2017, co título Necromántico, seguido polo tamén EP en maio do 2018, Examiga.

No 2020, lanzaron o seu terceiro EP: Del horno a la boca, e os seus dous álbums completos publicados son Carolina Durante, por Carolina Durante (2019) e Cuatro chavales (2022).

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego