‘Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia‘ é o título do libro co que Sonia Villapol Salgado fai balance da súa experiencia na loita contra a covid-19. A obra é resultado de anos de traballo intenso na procura de solucións fronte ao virus, unha crise que a neurocientífica galega en Houston viviu en primeira liña como investigadora e xefa de laboratorio no Centro Médico de Texas e integrante do grupo internacional de investigación COV-IRT.
“A covid demostrou que uns tratamentos funcionaban máis nunhas persoas que noutras”
A autora presentou o libro ante a prensa acompañada polo director de Xerais, Fran Alonso, e o director da colección Básicos Ciencia, Miguel Vázquez Freire. No acto, a doutora Sonia Villapol Salgado explicou que o futuro da medicina será personalizada e de precisión tendo en conta as vulnerabilidades de cada persoa. “A covid demostrou que uns tratamentos funcionaban máis nunhas persoas que noutras, que hai persoas que se contaxian con máis facilidade, deixou claro que os tratamentos teñen que ser individualizados”.
A neurocientífica falou tamén doutras consecuencias da pandemia, como o impacto
na saúde mental ou a difusión de noticias falsas, o que ela mesma denonima infodemia. Neste sentido, destacou que “a resposta e a confianza na ciencia foi sobresaínte en Galicia. É o tipo de sociedade na que aos científicos nos gusta traballar”.
Villapol Salgado sinalou algunhas das cousas que se fixeron mal durante a crise, como o peche de centros sanitarios e o parón na atención médica, ou a insistencia na desinfección de superficies cando se demostrou que a transmisión do virus se produce por aire.
A obra foi editada por Xerais, o que supón “un privilexio”, segundo indica o seu director, Fran Alonso, “non só para esta editoral, tamén e sobre todo para a ciencia en Galicia e para a lingua galega”.