Estreamos a 5ª conversa da serie audiovisual sobre Intelixencia Artificial que produce e realiza Nós Televisión. INTELIXENCIA ARTIFICIAL: FORMACIÓN E INVESTIGACIÓN é o título desta quinta entrega, protagonizada por María Jesús Taboada, coordenadora do Mestrado en IA do Sistema Universitario Galego; e María José Carreira Nouche, secretaria académica da Cátedra CAMELIA e catedrática de IA.
A intelixencia artificil constitúe a día de hoxe unha ferramenta máis que pode ser integrada na docencia de cara a avanzar nas posibilidades que ofrece a tecnoloxía. Ademais, o Sistema Universitario Galego conta cun Mestrado en IA do que están a saír a mellor xente formada en Intelixencia Artificial. Como se está a levar a cabo a formación e como se está a evolucionar a nivel investigación? Existen recursos suficientes? Que aplicacións está a ter a IA en ámbitos como a saúde e os servizos sanitarios? Sobre estas e moitas outras cuestións relacionadas coa intelixencia artificial e a investigación e formación nos ámbitos educativos e da saúde trata esta 5ª conversa da serie.
A serie de conversas sobre Intelixencia Artificial está producida e realizada por Nós Televisión, conducida pola xornalista Xiana Arias, e financiada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia; pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela e a Cátedra Institucional USC- Plexus de IA aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA), con fondos da Unión Europea-Next Generation EU. Foron gravadas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.



