A intelixencia artificial está a traer evolucións que poden constituír un gran avance para a sociedade, para a nosa economía e para o noso idioma. Pero tamén supoñen un reto e desafío continuo. Estamos en Galicia preparadas para aproveitar todas as posbilidades que nos ofrecen as tecnoloxías intelixentes? Sabemos en que consisten e como se están a desenvolver, como botar man delas de forma ética e segura e que impacto poden ter? Estas e moitas outras cuestións serán abordadas nesta nova serie de 5 conversas que se estrea o sábado 7 de marzo do 2026 con persoas expertas na materia, que desde o punto de vista institucional, lingüístico, tecnolóxico, académico, investigador, económico, social, ético e xurídico dialogarán sobre o presente e futuro da intelixencia artificil na nosa comunidade.
A serie de conversas sobre Intelixencia Artificial está producida e realizada por Nós Televisión, conducida pola xornalista Xiana Arias, e financiada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia; pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela e a Cátedra Institucional USC- Plexus de IA aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA), con fondos da Unión Europea-Next Generation EU. Foron gravadas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.

A 1ª conversa que poderemos ver este sábado, 7 de marzo, en aberto na canle de youtube de Nós Televisión, está protagonizada polo profesores María Cadaval e Luís Otero, e titúlase INTELIXENCIA ARTIFICIAL: IMPACTO ECONÓMICO E SOCIAL. A intelixencia artificial é unha ferramenta chea de oportunidades para o desenvolvemento económico e social en Galicia. Como pode afectar ás empresas familiares da nosa comunidade? Cales e como van ser os traballos do futuro? Como adaptarnos a todos os cambios que van vir? Que impactos pode a intelixencia artificial no ámbito da saúde e da asistencia social? Como pode afectar a IA ao emprego? Estamos preparados? Temos a educación axeitada para un mundo de persoas e máquinas intelixentes? Están incorporando as empresas a IA, e estano a facer ben? Sobre estas e moitas outras cuestións relacionadas coa intelixencia artificial e a realidade económica e social da nosa comunidade trata esta conversa.
A ela seguirán estoutras conversas que se irán estreando ao longo das próximas semanas:
- ‘Intelixencia Artificial: A necesidade de que as máquintas entendan e falen galego’, protagonizada polo secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o Xosé Luís Regueira, membro do Instituto da Lingua Galega (ILG) e do equipo investigador do Proxecto Nós.
- ‘Intelixencia artificial e educación’, protagonizada por María Jesús Taboada, coordenadora do Mestrado en IA do Sistema Universitario Galego; e María José Carreira Nouche, secretaria académica da Cátedra CAMELIA e catedrática de IA.
- ‘Intelixencia artificial confiable: A importancia da regulación e da ética’, protagonizada por Julia Ammerman, profesora de Dimensión Xurídica da IA na USC; e Martín Pereira, profesor de Lóxica no Grao en Intelixencia Artificial da USC.
- ‘Intelixencia artificial e desinformación’, protagonizada por David Losada, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigador do CITIUS; e César Fieiras, investigador especializado en IA en medios, membro do Grupo Novos Medios da USC.
Todas elas estarán dispoñibles ademais de na canle de youtube de Nós Televisión, na plataforma de Movistar Plus+ para todo o Estado español e poderán verse tamén na canle 9 de R en toda Galicia.



