Estreamos a 3ª conversa da serie audiovisual sobre Intelixencia Artificial que produce e realiza Nós Televisión. INTELIXENCIA ARTIFICIAL E DESINFORMACIÓN é o título desta terceira entrega, protagonizada por David Losada, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigador do CITIUS; e César Fieiras, investigador especializado en IA en medios, membro do Grupo Novos Medios da USC.
A IA pode contribuír á desinformación pola súa capacidade para xerar contidos falsos. Pero esta tecnoloxía tamén pode xerar ferramentas que detecten os bulos, as burbullas informativas e os contidos falsos que moitas veces se estenden rapidamente a través de redes sociais. Como impacta a intelixencia artificial no xornalismo e na desinformación? E na sociedade en xeral como receptores das informacións? Que investigacións e liñas se están a abordar neste sentido? Desde Santiago, o CiTIUS coordina a rede europea Hybrids sobre desinformación e democracia e na Facultade de Xornalismo tamén teñen moito que aportar ao respecto.
A serie de conversas sobre Intelixencia Artificial está producida e realizada por Nós Televisión, conducida pola xornalista Xiana Arias, e financiada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia; pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela e a Cátedra Institucional USC- Plexus de IA aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA), con fondos da Unión Europea-Next Generation EU. Foron gravadas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.



