Estreamos a 4ª conversa da serie audiovisual sobre Intelixencia Artificial que produce e realiza Nós Televisión. INTELIXENCIA ARTIFICIAL CONFIABLE: A IMPORTANCIA DA REGULACIÓN E DA ÉTICA é o título desta cuarta entrega, protagonizada por Julia Ammerman, profesora de Dimensión Xurídica da IA na USC; e Martín Pereira, director do departamento de Filosofía e Antropoloxía da Facultade de Filosofía, membro do grupo de investigación Episteme e docente no Grao en IA.
É necesario, e moito, reflexionar ao redor de como desenvolver unha intelixencia artificial que sexa confiable a nivel ético e xurídico. En que situación estamos a día de hoxe e como facer fronte ás situacións que se poden xerar a nivel de privacidade, responsabilidade, exclusión, accesibilidade, sesgos, autoría, consumo… ? Están axeitadamente desenvolta a lexislación para afrontar estes retos? Que normativas se están a aplicar e como está amparada a sociedade a este respecto? A estas preguntas e máis dan resposta os protagonistas desta nova conversa sobre IA.
A serie de conversas sobre Intelixencia Artificial está producida e realizada por Nós Televisión, conducida pola xornalista Xiana Arias, e financiada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia; pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela e a Cátedra Institucional USC- Plexus de IA aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA), con fondos da Unión Europea-Next Generation EU. Foron gravadas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.



