IA: A necesidade de que as máquinas entendan e falen galego

Estreamos a 2ª conversa da serie audiovisual sobre Intelixencia Artificial que produce e realiza Nós Televisión. INTELIXENCIA ARTIFICIAL: A NECESIDADE DE QUE AS MÁQUINAS ENTENDAN E FALEN GALEGO é o título desta segunda entrega, protagonizada polo secretario xeral da Lingua da Xunta, Valentín García; e polo membro do Instituto Galego da Lingua Galega (ILG) e do equipo investigador do Proxecto Nós, Xosé Luis Regueira Fernández.

Botar man das Tecnoloxías da Linguaxe de forma ética, segura, co obxectivo de mellorar os dereitos das persoas pode constituír un camiño moi importante para a normalización do galego en todos os ámbitos. O Proxecto Nós, impulsado pola Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), e integrado por un equipo de investigadores do Instituto da Lingua Galega (ILG) e do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), leva anos investigando e traballando para lograr os recursos dixitais e lingüísticos precisos para facilitar que aplicacións como poden ser asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais entendan e falen en galego.

Como comezou o Proxecto Nós e en que punto está agora mesmo a nivel de avances e de recollida de datos? Cales poden ser as aplicacións reais e que beneficios e retos se presentan? Cales son as discriminacións tecnolóxicas que teñen a día de hoxe as persoas, empresas e iniciativas que usan o idioma galego con respecto a outras linguas? Cando se van superar? Estase a ser sensibles coas variantes dialectais do galego? A proximidade lingúística ao portugués pode ser unha oportunidade tamén neste campo? Que impacto terá no uso do galego se non se consegue que a nosa lingua estea ben representada no mundo dixital? Cal pode ser o futuro da lingua nese escenario? Sobre estas e moitas outras cuestións relacionadas coa intelixencia artificial e a lingua trata esta conversa.

A serie de conversas sobre Intelixencia Artificial está producida e realizada por Nós Televisión, conducida pola xornalista Xiana Arias, e financiada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia; pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela e a Cátedra Institucional USC- Plexus de IA aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA), con fondos da Unión Europea-Next Generation EU. Foron gravadas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego