As creacións musicais de Fillas de Cassandra fiarán a gala dos XXII Premios Mestre Mateo do Audiovisual galego, que se celebrará este sábado, 23 de marzo, na cidade da Coruña. María SOA e Sara Faro son as responsables das composicións que acompañarán os distintos fitos da cerimonia, ademais de ser parte da súa dinamización a través de distintas actuacións que ofrecerán ao longo da noite.
“Para nós é marabilloso poder formar parte nesta edición dos Mestre Mateo, artellando composicións para a ocasión, con motivos novidosos que noutros contextos non se poderían dar, e nunha noite na que compartiremos escenario con outros proxectos do país, como é o caso do noso benquerido Mondra. Todo o proceso de creación e desenvolvemento da proposta foi revitalizador e moi enriquecedor”, apuntan María SOA e Sara Faro.
Así, a banda sonora orixinal creada por Fillas de Cassandra fiará musicalmente as distintas escenas que conformarán a cerimonia. É o caso das entregas dos galardóns, do Premio de Honra e doutros momentos do evento, que terá lugar no Coliseum da Coruña e que se poderá seguir ao vivo a través da Televisión de Galicia.
Nós Televisión nos XXII Premios Mestre Mateo
A primeira serie audiovisual sobre as mulleres da revista Nós, ‘Nosoutras, as mulleres da revista Nós‘, é unha das candidatas finalistas aos Premios Mestre Mateo na categoría de Mellor serie web. A serie de Nós Televisión competirá polo galardón, que este ano chega á súa vixésimo segunda edición, con dous traballos de ficción, ‘A arte de ser mal pai’ e ‘Terapia de’, xunto coa animación, ‘Bechos’. As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará este sábado 23 de marzo no Coliseum da Coruña.