Home Programas Espazo Aberto A Deputación de Pontevedra aproba un orzamento para 2018 de 157 millóns de euros

A Deputación de Pontevedra aproba un orzamento para 2018 de 157 millóns de euros

0
A Deputación de Pontevedra aproba un orzamento para 2018 de 157 millóns de euros

A Deputación de Pontevedra xa conta cun novo orzamento para o 2018. Aprobouno o pleno extraordinario desta institución e ascende a 157 millóns de euros e a 160 millóns de euros incluíndo á Escola Universitaria de Enfermería e ao Consorcio Provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento. Na votación final chegou co apoio do PSdeG e BNG mália a postura contraria do PP e a abstención de SON.

Estes orzamentos do ano vindeiro destinarán un maior número de recursos á area de cooperación cos concellos. Medran as partidas para o Plan Concellos, ata os 42 millóns de euros (un 2% máis que no 2017), e, amais, a súa liña un, de investimentos, vai garantir 30 millóns do 2019 para que os concellos poidan presentar proxectos máis ambiciosos ou destinar recursos para facer fronte aos danos producidos polos incendios. Ademais os municipios contarán con 1 millón de euros para anticipos sen xuros e sen comisións e dous millóns do Plan de Reequilibrio 2017, aos que hai que sumar os 6 millóns xa aprobados no pleno do pasado 24 de novembro que se verán aumentados cos remanentes a comezos do 2018.

Desde o goberno provincial destacan que as contas son “equilibradas”

A aposta pola sustentabilidade contará con 2,7 millóns de euros (7,5% máis que no 2017) para programas de protección dos montes e desenvolvemento da pesca e agrogandeiría, case 4 millóns de euros ao tratamento e xestión de residuos e un 7% máis de investimentos en Areeiro e Mouriscade.

Momento do Pleno provincial

Emprego e sectores económicos

No que se refire ao fomento do emprego o orzamento increméntase un 8,72%, con 4,12 millóns de euros. Aumenta nun 5% os recursos destinados ao apoio á actividade económica, con preto de 2 millóns de euros para SmartPeme (que este ano multiplicou por tres o número de asesoramentos), 340.000 para os viveiros e 5,4 millóns de € para novas tecnoloxías. Amais a área de mobilidade contará con 17,27 millóns de euros (un 6,62% máis que no 2017), turismo con 4 millóns (2,8% máis que no 2017), igualdade con 1,2 millóns de euros (8,1% máis que no 2017) e cohesión social e xuventude 5,61 millóns de euros (1,5% máis que no 2017) que, de sumar Príncipe Felipe, ascende a 10,3 millóns de euros.

Máis Cultura

A Área de Cultura e Lingua contará 3,9 millóns de € (6,2% máis que no 2017) van dirixidos a servizos lingüísticos, promoción cultural e xestión do patrimonio histórico e artístico, aos que engadir os 4,4 millóns de € do Museo Provincial (1,85% máis que no 2017).