A polémica sobre o “voto rogado” volve saír á palestra. Compromiso por Galicia vén de presentar unha iniciativa no Parlamento galego para a eliminación do actual sistema. Deste xeito, téntase garantir a “pluralidade de forzas” na Cámara e, para elo, a formación propón a creación dunha quinta circunscrición para as persoas de fóra do país con dereito a voto, un sistema que xa funciona en países coma Portugal ou Italia.
Hai que ser realistas: non pode ser que alguén que leva 40 anos fóra poida votar e decidir
Compromiso avoga tamén por mudar a Lei Electoral de Galicia e volver a situar o mínimo de votos para acadar un escano no 3%, fronte ao 5% actual. Así e todo, insta tamén a limitar o censo do exterior nas municipais, con medidas como impedir o voto ás persoas que sumen máis de tres anos residindo fóra da localidade.
Eleccións europeas
Por outra banda, a formación está a artellar a súa estratexia de cara ás eleccións europeas de 2019, nunha coalición na que volverá compartir espazo con partidos coma o PNV ou Coalición Canaria. No tocante a estes comicios, Piñeiro critica a proposta de subir o mínimo de votos esixido ao 5% que se está a debater na Eurocámara, unha proposta que, para Compromiso, afectaría especialmente ás forzas nacionalistas.