A piques de comezar un novo curso escolar moitas familias teñen verdadeiros problemas para chegar a fin de mes. A saída da crise que está a anunciar os gobernos galego e español non chega para elas. Co novo curso escolar moitas crianzas non teñen acceso ao mínimo material escolar e algúns municipios moveron ficha. É o caso do concello da Coruña que está a dar todas as facilidades posibles á hora de poder garantir que os e as cativas desta cidade reciben unha educación de calidade, independentemente dos ingresos das súas familias. Segundo explica Silvia Cameán, concelleira de Xustiza Social e Coidados desta cidade, o Concello iniciou xa a tramitación das axudas denominadas “de emerxencia” destinadas a axudar aos e ás estudantes das unidades familiares con menos recursos para garantir tanto a compra dos libros de texto como o material escolar.
A nosa intención é que ningunha nena nin neno desta cidade queden sen libros cos que poder formarse
Silvia Cameán explicou que o orzamento municipal destinado a axudas con carácter de emerxencia social é de 847.000 euros, cun incremento de máis do 13% en relación aos créditos iniciais previstos. “Esta partida comprende tamén as axudas que están destinadas á libros de texto e material escolar. A gratuidade dos libros de texto non é total, xa que hai moitos cadernos de traballo ou de lectura, por exemplo, que non son cubertos co sistema de préstamo de libros. Por ese motivo, e porque para nós, a prioridade dun goberno ten que ser esta, aumentamos en 100.000 euros este ano a partida que destinamos a estas axudas. A nosa intención é que ningunha nena nin neno desta cidade queden sen libros cos que poder formarse”, comentou a concelleira, que explicou que a tramitación destas axudas faise mediante un programa específico destinado a familias con fillos e fillas en idade lectiva. “Son as traballadoras municipais as que detectan e tramitan estas axudas, se hai necesidade das mesmas, tanto nos centros cívicos como nas Unidades de Atención Social (UAS)”, indicou, par engadir que “estas axudas se conceden, fundamentalmente, atendendo aos requisitos recollidos na ordenanza reguladora das Axudas Económicas de Emerxencia Social (AES), cuxos requisitos poden consultarse na web municipal de servizos sociais. “Na actualidade hai xa tramitadas 51 solicitudes de axuda, aínda que prevemos que ao longo do curso esta cifra se irá incrementando”, explicou.